Opinión

Que lle preocupa á Unión Europea?

O7 de outubro pasado, o Tribunal Constitucional polonés ditaminaba que varios artigos dos tratados da Unión Europea eran inconstitucionais no seu país. A resolución xira, principalmente, sobre a competencia europea para avaliar a xustiza polaca e o seu funcionamento aínda que, de esguello, cuestiona o cumprimento das sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE e a preeminencia do dereito comunitario. Axiña, a Comisión Europea amosou a súa “preocupación” sinalando a primacía das normas da UE e a obrigatoriedade das decisión dos seus Tribunais. Porén, a confrontación arredor das soberanías estatais non é ningunha novidade.

A Unión Europea está artellada sobre Estados, pretendidamente nacionais, e non sobre pobos ou cidadáns. Desde sempre houbo unha intención decidida dos Estados para afirmarse coma protagonistas políticos e xurídicos. Así, tanto no Tratado de Maastricht, no fracasado proxecto de Tratado para unha Constitución Europea coma no vixente Tratado de Lisboa incluíuse unha cláusula de respecto á identidade nacional reflectida nas estruturas políticas e constitucionais fundamentais dos Estados membros, que vén sendo cualificada como identidade constitucional. Non só o TC polonés, tamén Tribunais coma o TC checo, o TS húngaro, o TS dinamarqués ou o TC español, entre outros, teñen cuestionado, con maior ou menor profundidade, a primacía do dereito comunitario agarrándose a esa imprecisa identidade constitucional que cada parte interpreta ao seu modo. Ao respecto, a xurista italiana Tania Groppi ten sinalado até tres distintos niveis na aceptación da primacía do dereito comunitario por parte dos altos Tribunais dos Estados membros.

O certo é que a construción europea faise atendendo aos intereses das oligarquías financeiras e a lombo do programa neoliberal. O lema comunitario de unidade na diversidade significa, na práctica, mercado único e desigualdade de dereitos sociais. Os Estados perden soberanía sobre a política económica e os sectores máis desfavorecidos teñen que apañar coa imposición de axustes, de recortes, de reconversións e de limitacións orzamentarias. Alguén ten dúbida de que o mercado e a acumulación son prioritarios sobre a igualdade ou a xustiza social? Esta é a xenuína razón da preocupación polo cumprimento do dereito comunitario; o demais semella ser hipocrisía e posta en escena.

Institucións afastadas da cidadanía, das decisións, imposibilidade de control, sacrificios desiguais e escurantismo político fan da Unión Europea calquera cousa menos unha comunidade de identificación. A democracia e os dereitos fican por detrás do obxectivo de impor e constitucionalizar as regras do capital. Aí temos unha política industrial que ispe a uns para enfeitar a outros e unha política agraria ao servizo das grandes multinacionais. Aí están as tentativas de calote, acompañadas dun secretismo infame, coma o Tratado de Libre Comercio UE-EEUU (TTIP), o Acordo de Liberalización Comercial UE-Marrocos ou os recentes contratos entre a UE e a industria farmacéutica. Aí fican, tamén, os cadáveres de inmigrantes aboiando nas costas ou o Acordo UE-Turquía para pechar rutas aos refuxiados. E que dicir da humillación, chantaxe, asañamento e disciplinamento exemplarizante, ben adubado de prexuízos clasistas e xenófobos, ao que foi sometida Grecia? Chantaxe que a obrigou a liquidar todo o que tivese algo de valor e a empobrecerse máis para satisfacer as entidades financeiras (sobre todo alemás e francesas) posuidoras dos seus títulos de débeda. Entidades que non tiveron reparo nin escrúpulo en seren rescatadas con cartos públicos cos que seguir a especular e a engrosar obscenos salarios de directivos e beneficios para accionistas.

Hai un mes, albiscando o retroceso da pandemia, a Comisión Europea xa nos deixou ver cal é a súa gran preocupación: o Pacto de Estabilidade e Crecemento, en suspenso até finais de 2022, e cuxos límites de déficit e de endebedamento agora están rebordados. Non; a gran preocupación europea  no é a involución democrática, a desigualdade social ou como avanzar en dereitos, senón de que xeito aplicar recortes e austeridade para transferir rendas e oportunidades ao gran capital.

Comentarios