martes 15/06/21

O conto autonómico

España custa de aceptar e de entender a plurinacionalidade. Renega das identidades diferenciadas e vive con grande incomodidade as expresións culturais e políticas das mesmas. Só tolera un nacionalismo de Estado, impositivo, dominante, excluínte e disfrazado sob a denominación de patriotismo e de constitucionalismo. Neste panorama temos que aturar, como menores de idade baixo control parental, contos e fábulas sobre a ampla liberdade que xenerosamente se nos concede e o agradecemento que deberiamos amosar. Mesmo hai quen, a medio de malabarismos, nos quere vender este modelo como federal.

No entanto o caso é que o sistema de distribución de competencias está baseado nunha supremacía do Estado de tal calibre que, practicamente, non existe ningún ámbito no que poidamos adoptar de xeito incondicionado políticas propias. A isto cómpre engadir un proceso involutivo de recentralización, artellado desde todas as institucións do Estado. Mais a realidade é a que é por moito que, como ven sendo habitual, toda ela sexa descrita e definida en modo castizo. E é esta unha realidade que se constitúe a partir da soberanía dun único pobo e non desde un pacto de pobos soberanos, na que só se acada a concibir un único e exclusivo suxeito político, negando o recoñecemento de calquera outro dentro das fronteiras estatais. Non, a realidade non é tan idílica como presentan.

No que respecta ao ámbito cultural non hai máis que ver onde e como se concentran os gastos e recursos para promocións, eventos e institucións, ou observar a parcialidade da xustiza en asuntos como as linguas, símbolos e festexos “nacionais”. Se atendemos a acción exterior, achamos que desde 2014 un novo marco normativo incrementa as limitacións e condicións das Comunidades Autónomas, baleirándoas nestas competencias, reforzando o papel do Estado e dificultando a proxección exterior das mesmas. E que dicir dun Tribunal Constitucional, cada vez máis despreocupado de aparentar equidistancias, e embarcado na misión de restrinxir as competencias das Autonomías a base de interpretacións restritivas ou inventos tales como suspensións preventivas de “actuacións non formalizadas xuridicamente”, prohibición de resolucións carentes de efectos xurídicos e ameazas constantes de responsabilidades penais. Está, tamén, a ambigua e transversal cláusula competencial que lle outorga ao Estado a competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica e que resulta un filón inesgotábel para cercenar todo tipo de competencias e actuacións. O certo é que todo o artigo 149º da Constitución está deseñado para que ningún territorio ou poder autonómico poida ter a capacidade real de autodesenvolvemento.

Presentar o Estado español como algo máis que un sistema descentralizado entra de cheo nas ficcións publicitarias. A ver, os Estatutos de Autonomía non son nin algo parecido a Constitucións, precisando o concurso do Estado para a súa aprobación e reforma, e podendo acabar podados de tal xeito que sexan unha parodia do que a cidadanía pretendía. O Senado non é, nin de lonxe, unha cámara de representación territorial senón unha reprodución ligh do Congreso. As Comunidades Autónomas non pintan realmente nada no procedemento de selección e nomeamento dos membros do Tribunal Constitucional, sendo este un órgano máis na defensa dos intereses políticos do Estado. Tampouco pintan nada no proceso de reforma constitucional, existindo a posibilidade dunha modificación constitucional en detrimento das mesmas, incluso contra o seu sentir ou vontade.

No final o Estado está configurado por unha soa nación e por un só suxeito político que nin entende de pactos nin quere ouvir falar doutros suxeitos. Mentalidade esencialista e fundamentalista hispánica que tan ben ilustran aquelas palabras de Ortega y Gasset: “La decencia en la vida pública no consiste en otra cosa que en imponer a todos los españoles la voluntad de convivir unos con otros”. Serán quen de entender, nalgún momento, que a convivencia non se impón? E logo dirán que non precisamos do nacionalismo!

comentarios