Opinión

Nacionalismo necesario

No discurso da meirande parte do espectro político español adoita haber un denominador común no referente á valoración do nacionalismo das nacións da periferia. Este é presentado como unha disonancia, como un factor innecesario que provoca conflitos, rompe a convivencia, dificulta a gobernabilidade do Estado e obstaculiza a implementación de políticas para o conxunto da cidadanía. Con algunha variedade de matices, téimase en que non precisamos nin nacionalismo nin forzas de tal índole; que xa existe un ámbito soberano de actuación e de decisión para os temas fundamentais, mais tamén para os accesorios, no que temos que encaixar e sentirnos plenamente representadas e representados. Dísenos que debemos prescindir dos caprichos nacionalistas; que as forzas nacionais-estatais xa son quen de xestionar as nosas particularidades e extravagancias. Isto si, todo dentro dun marco que, polo que se ve, sempre cabe reducir mais non ampliar.

Mais, cando nese discurso apelan a que renunciemos a ser nacionalistas e a ter expresións políticas propias, o que se está a pedir a pedir é que renunciemos á nosa identidade, á nosa nación e, xa que logo, á nosa existencia como pobo. Imos ver! O nacionalismo é unha ideoloxía e un movemento socio-político que defende a atribución de soberanía aos pobos que conforman unha nación. Se unha colectividade nacional non ten poder de decisión sobre a lingua, cultura, educación, patrimonio, infraestruturas e recursos económicos, está a ser expropiada dos medios de sobrevivencia; está a ser dominada e oprimida económica, política e culturalmente. De feito, nas nacións sen estado, o nacionalismo existe para defenderse da asimilación forzosa e para loitar pola consecución dun instrumental xurídico e político que garanta a capacidade de decidir por si mesmos. Así, o nacionalismo é necesario porque defende a soberanía, a mellora das condicións de vida do pobo e o control sobre os recursos que as posibilitan.

Esta carencia, xa non só de soberanía senón das máis elementais competencias para decidir sobre aspectos fundamentais para o noso futuro, está a provocar todo un sangradoiro de consecuencias e a hipotecar a nosa existencia. A dependencia e o submetemento político de Galiza, con respecto a España, estanos a imposibilitar levar a cabo planos de desenvolvevento autocentrados económica, social e culturalmente en función dos nosos propios intereses. Estas limitacións teñen repercusións castróficas para a nosa viabilidade como país e para o benestar da nosa cidadanía. O saqueo enerxético, a depredación do territorio ou a emigración forzada da mocidade significan un enorme sacrificio persoal e unha perda inxente de recursos e capacidades. Padecemos un sistema de financiamento non pensado para a nosa realidade e agravado coa ausencia dunha facenda propia que xestione e recade todos os tributos que soportamos os galegos. Estase a producir unha descapitalización do país operada mediante un sistema financeiro que inviste noutros lugares, acompañada da fuxida de grande parte dos recursos xerados aquí por empresas que tributan e teñen a súa sede fóra de Galiza. Carecemos, así mesmo, de competencias para adoptar políticas que compensen e contrarresten a absorción de parte dos beneficios das pequenas e medianas empresas galegas por parte das grandes empresas con sucursais no nosos país. Tampouco podemos deseñar un modelo educativo.

Por isto, cando desde o conservadorismo ao progresismo españois, se pretende que renunciemos á nación contestamos que a defensa do común, do dereito de autodeterminación e das relacións libres e solidarias entre os pobos, debe facer parte do ideario de calquera proxecto democrático. Que a erosión da capacidade de decisión das nacións fomenta a explotación entre centros e periferias, así coma entre os seus pobos. Que queremos un mundo de relacións internacionais con pobos libres e soberanos e con cidadanías protagonistas do seus presentes e futuros. Dicimos, tamén, que a defensa da soberanía significa, na actualidade, un reto e un desafío ao sistema de explotación, opresión e dominación e unha aposta por un mundo máis xusto e igualitario. E que somos nacionalistas porque amamos Galiza e a queremos sen ataduras.

Comentarios