Opinión

Lingüicidio: outro negacionismo

Un dos trazos que me resulta máis repugnante do nacionalismo supremacista español é ese odio que destila contra o noso idioma e esa xustificación cínica do xenocidio lingüístico. E non creo esaxerar!  O lingüicidio, xenocidio lingüístico ou glotofaxia é o proceso político e social polo que a lingua dunha determinada cultura desaparece, parcial ou totalmente, por mor da influencia directa e coercitiva doutra cultura que impón a súa lingua. O profesor Moreno Cabrera definiuno como aquela actividade etnicida realizada co obxectivo de que unha determinada lingua deixe de falarse, relegando ou prohibindo o uso da mesma, e que adoita facerse mediante a forza. Cumpriría engadir, ademais, que negar ou mentir sobre o uso da violencia, simbólica e física, fai parte da dinámica destes procesos de opresión co fin de presentar a asimilación forzosa coma un resultado espontáneo, natural e consentido. E, con certeza, no Reino de España acádanse niveis delirantes na mentira sobre o feito da violenta imposición histórica do castelán.

Mentiras e negacións que se difunden e naturalizan desde organismos, institucións, medios de comunicación e grupos de fanáticos en defensa do español. Mesmo a propia monarquía, asumiu entusiasta un papel protagonista na lexitimación e lavado de cara desta face da colonización e da imposición cultural. O emérito Juan Carlos, sen ningún tipo de pudor, chegara a afirmar na entrega do premio Cervantes de 2001 que “Nunca fue la nuestra lengua de imposición, sino de encuentro… a nadie se obligó nunca a hablar en castellano… fueron los pueblos más diversos quienes hicieron suyo, por voluntad libérrima, el idioma de Cervantes”. Recentemente, Felipe VI sentenciaba que “El español es más que un diccionario..., son valores y diversidad”.

Un dos trazos que me resulta máis repugnante do nacionalismo supremacista español é ese odio que destila contra o noso idioma e esa xustificación cínica do xenocidio lingüístico

Porén, todo este cínico e falseado relato non resiste a máis mínima confrontación cunha realidade histórica que amosa a procura do exterminio das linguas non castelás e a represión sobre os seus falantes. Xa no reinado dos Reis Católicos deu comezo unha política de Estado orientada a estabelecer o castelán como única lingua do reino, mediante a procura exclusiva do seu uso pola administración civil, militar, eclesiástica, xudicial e académica. Unha estratexia de imposición que se intensifica e se torna máis metódica e sistemática coa chegada dos Borbóns, en 1700. A partir dese momento, e até a actualidade, os exemplos da imposición do español multiplícanse até facer parte da historia universal da infamia.

Cóntanse por centos a diversidade de prácticas, sancións e instrumentos normativos de toda condición usados para impor o español. Moreas de ordes e decretos, desde 1717, obrigaron a impartir o ensino exclusivamente en castelán, con sancións para os docentes que os incumprisen. Cursáronse instrucións ministeriais para que o profesorado utilizase métodos crueis para obrigar o alumnado a abandonar a lingua materna e delatar os compañeiros que a empregasen. Déronse ordes, como en 1799 ou en 1867, impoñendo o teatro en castelán.

Xa no reinado dos Reis Católicos deu comezo unha política de Estado orientada a estabelecer o castelán como única lingua do reino

Houbo prohibicións, como en 1896, de falar por teléfono en euskera ou catalán e moitas outras posteriores para limitar as comunicacións nos idiomas non españois. Ordes gobernamentais prohibiron discursos, conferencias,  disertacións e publicacións nos outros idiomas do Reino. Houbo normas que impediron a inscrición rexistral nos idiomas propios, tanto de nomes persoais como de nomes comerciais, estatutos, regulamentos, convocatorias ou razóns sociais de empresas e negocios. Aí está, tamén, unha Constitución que obriga a coñecer unicamente o castelán, xunto cunha xustiza que, decote, está a imposibilitar a normalización lingüística nas nacións históricas.

Hai unha chea de exemplos, pasados e presentes, de persecucións, represións e sancións coa finalidade de aniquilar unha das fasquías esenciais da identidade persoal e colectiva. Son exemplos dun trato aldraxante infrinxido durante xeracións, non só durante os corenta anos de ditadura, e que sitúan con claridade onde estaba e aínda está a imposición. Velaí o que chaman encontro, convivencia, elección, valores, diversidade e respecto; velaí a mentira continuada e a perversidade dun supremacismo que aínda se atreve a falar de liberdade.

Comentarios