Opinión

Desigualdade social e loita polos significados

Desde hai anos, o conglomerado da dereita camiña belixerante e agresivo, sen complexos, co neoliberalismo por ética e bandeira. É expresión dun modelo social no que o cinismo e a impostura están ao servizo da apropiación e da acumulación do capital. Amosa un ideario no que os valores son mercadorías que se retiran ou repoñen en función das necesidades do mercado e das clientelas electorais. Dereita que medra, malia as inxustizas que ampara, porque o abandono e renuncia das arelas á transformación e á emancipación lle permite entrar a saco nas conciencias fatigadas pola precariedade, pola inseguridade e pola insatisfacción. E así, de resignados a indignados, vaise vendendo a liberdade coma un envoltorio, coma un significante baleiro para que cada quen o encha como poida, rumiando e regurxitando as frustracións contra os outros desposuídos. Narrativas ruíns nas que subxace a lexitimación e o enxalzamento de tremendas desigualdades, ás que a corrección política pusilánime non é quen de frear. 

Debería ser hora de abandonar ese marco eufemístico e distorsionador da realidade, ditado polas oligarquías, e manifestar alto e claro que as enormes desigualdades económicas son  intolerábeis, que as xigantescas fortunas son obscenas e que os privilexios que as acompañan son indecentes. E, para dúbidas, aí temos unha teimuda realidade. Pensemos nestes últimos vinte e cinco anos, nos que o 1% máis rico do mundo acaparou vinte veces máis riqueza que o 50% máis pobre e onde só, desde o inicio da pandemia, a riqueza dos dez máis ricos duplicouse mentres os ingresos e as condicións de vida da inmensa maioría da poboación se deterioraron. Si, certo que os gobernos mobilizaron dezaseis billóns de dólares, mais isto foi esencialmente para manter intacta a estrutura económico e financeira global. 

De feito, continúa imparábel a financiarización da economía; o apoxeo das entidades de xestión non reguladas; o auxe do poder monopolístico das grandes multinacionais; a concesión de subvencións millonarias e incontroladas para as grandes empresas; a tendencia privatizadora do público; a implementación de medidas fiscais en beneficio do capital e a proliferación dos paraísos fiscais. E, paralelamente, contemplamos como a erosión constante das normativas de protección social golpea sen piedade a cada vez máis amplas capas da poboación; un escenario no que se estima están a morrer, por mor de carencias e recursos económicos, vinte e unha mil persoas ao día e no que a fame, pura e dura, provoca dous millón de mortes ao ano. Aquí na Galiza, no noso país, estase a producir un medre significativo da desigualdade, a perda do poder adquisitivo dos salarios e unha das peores distribucións das rendas do espazo estatal e europeo, cun 20% da poboación en risco de pobreza ou exclusión social. Fendas sociais que socavan a solidariedade que unha cidadanía democrática precisa, que esnaquizan a esfera pública e que corroen calquera virtude cívica.

Con certeza que o mundo está a ser transformado, máis en beneficio dunha minoría. Razón de abondo para pensar que o malestar e a indignación non só son razoábeis, senón síntomas de esperanza que hai que potenciar e saber dirixir sen medo contra as causas e os causantes. A transixencia, a permisividade ou a equidistancia fronte a lacra da desigualdade supón concederlle á reacción o protagonismo na dación de sentido e de significado a un discurso que desde sempre foi patrimonio da esquerda. Porque, goste ou non, nas confrontacións políticas de envergadura, aquelas onde o que se xoga é moito máis que unha mera posición estética, as reaccións febles e pusilánimes desmobilizan e restrinxen a capacidade de defensa perante retrocesos cuxas consecuencias poden ser moi difíciles de reverter. E, nas condicións actuais, en plena ofensiva mundial do capital para se valorizar, o compromiso valente e sen miramentos coa liberdade e coa igualdade debe ser un referente visíbel para combater o retroceso democrático e social. O contrario leva a entregar o mundo ao fascismo societal, coma diría Boaventura de Sousa Santos, e a transixir cun neodarwinismo social disimulado tras democracias de baixa intensidade.

Comentarios