Opinión

Anomalías e impunidades

A persecución de herexes, heterodoxos e disidentes semella facer parte inseparábel da penosa idiosincrasia deste reino, incapaz de liberarse das capas de fanatismo, intolerancia e fuscallo anti ilustrado apelicadas ao longo dun pasado con moitísimas máis sombras ca luces. Infatigábel, o réxime non pousa en amosar ese xorne autoritario e fundamentalista que recorre ao escarmento e ao auto de fe para conservar as esencias. Aí temos, agora mesmo, a vergoña da feminista malagueña condenada por usar a sátira festiva, mentres militares retirados degoiran fusilar nenos e adultos en nome da patria común e indivisíbel. Última entrega dunha inacabábel serie de noxentos episodios producida e realizada por afervoados do pasado, das cadeas e da barbarie. E aí está, tamén, unha causa xeral contra o independentismo galego para que tomemos nota do lugar que a cada quen corresponde.

O medo á liberdade, á pluralidade e á vida enchoupa a historia e o proxecto de construción española. Un medo patolóxico que se reflicte nas, xa de antigo, proclamas a prol da morte e da represión presentes en lemas, desfiles e declaracións. Ameazar e amedrentar constitúen a resposta habitual deste réxime fronte ao que o incomoda e o cuestiona. Non hai que forzar a memoria para lembrar o recente paso polo vía crucis penal dos monicrequeiros Raúl García e Alfonso Lázaro; de tuiteras como Cassandra Vera; de rapeiros coma César Strawberry, Pablo Hasél, Valtonyc ou os membros de La Insurgencia; de xornalistas como Boro LH; das feministas da procesión do Chumino rebelde; de actores como Willy Toledo; de artistas como Abel Azcona; de cantautores como Javier Krahe; de humoristas como Dani Mateo; de produtores como Alex García ou de cineastas como Carolina Martínez e Clemente Bernard, só entre os casos de máis sona.

Toda esta anomalía democrática, produto dunha impronta inquisitorial xamais resolta, fai que funcione sen atrancos todo un arsenal normativo cuxo obxectivo está dirixido a arremeter contra a molesta diverxencia no canto de garantir dereitos e liberdades. Por isto, a “Ley de Protección de la Seguridad Ciudadana” se pensa e se aplica para desactivar e amordazar a crítica e a protesta; por igual motivo, o delito de ofensa aos sentimentos relixiosos está pensado para blindar os dogmas e ritos dunha relixión privilexiada polo poder; pola mesma razón, o delito de odio funciona para actuar contra antifascistas e demais activismo de esquerda. Engadamos, ademais, ese invento mediático da equidistancia que non deixa de ser máis ca un calote burlesco co que se procura amparar aos que sempre gozaron de inmunidade e de impunidade para que continúen escachando a rir coa submisión e obediencia do resto.

E podemos seguir a repasar a realidade teimuda e fodida para comprobar esa “equidistancia”. Pois ben, aí fica a celebración da hispanidade en Barcelona con cruces gamadas, saúdos fascistas e berros de Sieg Heil. Na mesma data, manifestación neonazi no bairro valenciano de Benimaclet. As gravísimas ameazas que se verqueron nun chat policial contra Manuela Carmena, dando loubanzas a Hitler, ficaron arquivadas. Que Ortega Smith largue que as 13 rosas, fusiladas polo fascismo, torturaban, asasinaban e violaban non constitúe ningún tipo de incitación ou provocación. Manifestantes pola sanidade pública son identificados e os neonazis que os increpan marchan para casa como se nada. A xustiza rebaixa as penas dos fascista que asaltaron a libraría Blanquerna. Abascal celebra a Constitución en Barcelona entre bandeiras neonazis e cánticos franquistas. A lista pode estenderse como para participar exitosamente nun concurso de infamias.

Na España houbo, e segue a haber, un trato exquisito cos inimigos declarados da democracia e un fustrigamento e acoso implacábel contra quen pretende facela realidade. Existe unha ideoloxía de corte fascista non só nos partidos da dereita, senón tamén enquistada nas institucións do Estado e que nunca se quixo corrixir porque resulta moi útil como freo ás arelas de mudanza social e política. Mais xa vai sendo tempo de reaxir enerxicamente contra esta cegueira política suicida. O Estado español padece unha anomalía de calado que non se amaña con repetir estupidamente esa ladaíña da democracia madura e consolidada.

Comentarios