Opinión

Lume, Pepe!!

Soa moi recorrente dicir que o confinamento esmagou de golpe todo o tecido cultural, asociativo e incluso afectivo; pero a pesar disto gústame tratar de verlle o seu lado positivo. Evidentemente é difícil verllo, custa despois de tanto tempo albiscar un pouco de luz neste túnel, pero ben é certo que pasaron durante eses meses algunhas cousas que melloraron a nosa cultura tradicional. Unha delas foi que a editorial Canela, comandada por Pablo Quintana, deulle un pulo importante ao libro que tiñan en cola para editar, falamos nen máis nen menos do libro adicado aos Rosales. Foi durante o confinamento onde os autores puideron adicarlle máis horas a sacar adiante este traballo, e na volta do verán en outubro de 2020, Xosé e Maruxa tiveron nas mans o libro que falaba de toda a súa traxectoria como figuras fundamentais da nosa música tradicional.

Dende aquela foron moitos os intentos de facer unha presentación do traballo, pero as restricións sanitarias non permitían facer un acto como Os Rosales merecían, chego de amigas e amigos, que durante anos os seguiron e admiraron. 

Foi pasando o tempo e estabilizándose de novo a nosa vida, e chegou o día. O 4 de xuño presentouse no auditorio de Rianxo Os Rosales-O son da festa. Foi unha presentación atípica, e seguramente distaba moito do que Xosé e Maruxa querían, posto que tivo que ser con delimitación de aforo e non puideron acudir tódalas persoas que gustosamente asistirían.

O importante, e que eles tiveron a súa ansiada presentación, falando con ambos durante estes meses notábaselles intranquilos con non poder chegar a ese día como eles querían. Con ese espírito que desprenden Os Rosales cando se soben a un palco, sexa para tocar ou para falar, xa que sempre din que as presentacións son moi importantes nas súas pezas. Ese día a Xosé xa se lle notaba con menos enerxía do habitual, tivera uns pequenos achaques de saúde que o minguaron nesas semanas. Foi Maruxa quen levou a voz cantante durante toda a presentación, acompañada polos autores, alcalde de Rianxo, fillos e demais persoas que alí acudiron. Como sempre ao rematar, ela botou unha copla desas que tanto abraian ao público, e que consegue facer único ese momento en canto Xosé se une a ela facendo unha segunda voz. Por suposto fixérono, e xuntos por última vez conseguiron poñer en pé aos que estábamos nese auditorio. Digo por última vez porque Xosé foise pouco despois, o día 1 de xullo. Marchou o ghaiteiro máis creativo da súa xeración. Un visionario da música tradicional, un home loitador, tanto para sacar adiante a súa familia como para loitar pola dignificación da nosa cultura. Era dos que entendía que para que os de fora valorasen o noso, os primeiros en darlle valor debíamos ser os autóctonos, os do país. Durante anos cos Rosales animou corredoiras, quinteiros, foliadas, grandes escenarios e todo o que se lles puxo por diante. Un home cun xeito de tocar e de compoñer propio, sabía perfectamente que para conseguir ser un grupo único, tiñas que ofrecer cada tempada novidades, novo repertorio, traxes novos etc. Foi así como por casualidades do destino meteu a súa adorada muller na formación. Un mundo de homes, onde de súpeto un grupo de gaiteiros a tiña a ela, a Maruxa. Xosé foi quen de ver que con pezas cantadas por unha muller facía dos Rosales o grupo perfecto, un doce para todas as comisións de festas do momento, que como el contou moitas veces facía cola na súa casa para contratalos tempada tras tempada. Xuntos levaron a Asados e Rianxo enteiro polo mundo adiante.

Marchou Xosé. Dende a AGG sentimos un fondo pesar, pero á vez gústanos pensar que nos últimos anos con algunha das homenaxes que lle fixemos conseguimos devolverlle o que tanto fixo pola nosa música, a nosa cultura e o noso país.

Alá onde estes, de seguro que seguirás tocando e dicíndolle a todos que a gaita e moito máis que un instrumento, é un sentimento, e que para tocala hai que seguir tres normas básicas: afinación, tempero e espírito de Galiza. Grazas por tanto Xosé.

Comentarios