Opinión

De individualismo e derrota

Hai uns días, camiñando pola miña cidade atopeime cunha concentración de xentes da hostalaría que expresaban a súa protesta porque as medidas adoptadas polos gobernos para enfrontar a epidemia fan imposíbel que poidan traballar e demandaban axudas económicas que lles permitan sobrevivir namentres se manteña esta situación. Case que ninguén se paraba. Cecais alguén se compadecería por un momento e seguía o seu camiño. Con el ou ela non ía. Unha breve recensión nos medios de comunicación. E a outra cousa.

Deume por pensar cantas veces temos saído á rúa na defensa de xustas demandas e ter a sensación de ser “catro gatos” que se expresan no medio da indiferenza, cando non da mofa mais ou menos disimulada de moitos. Deume por pensar cantos destes hostaleiros se terían negado a pechar os seus estabelecementos cando se convocaba unha folga xeral ou os pechaban ao paso de piquetes para logo reabrir. Con eles non ía. Falo de hostaleiros, como podía falar de comerciantes ou de ensinantes.

Hai ben anos que a protesta, cando se produce, redúcese basicamente ao ámbito máis inmediato, de empresa ou sector. E non obstante, aínda podo lembrar tempos, nos que sen mitificación ningunha, existía conciencia en sectores da sociedade da necesidade de actuar colectivamente para poder ter certa garantía de éxito na consecución de tal ou cal demanda. Lembro as folgas de solidariedade en apoio de traballadores dunha determinada empresa que moitas veces ían máis alá do “mundo do traballo”, ou aportar o pouco que se tiña as caixas de resistencia en apoio dos colectivos con protestas duradeiras no tempo. Non por acaso ilegalizaron as folgas de solidariedade, por certo, coa submisa aceptación dos sindicatos estatais.

Viñeron as campañas orquestradas da criminalización da protesta, do “exceso” de manifestacións, dos problemas que xeraban aos honrados cidadáns os cortes de rúas, do “choque de dereitos”, o dereito de folga non pode impedir o dereito ao traballo ou o dereito a viaxar. Viñeron as leis represivas e foron conseguindo, sen nin sequera darnos conta, cavar o foso no que hoxe estamos metidos.

O poder, o capital é absolutamente consciente de que a súa impunidade pasa pola destrución na conciencia popular da forza do colectivo. E dedican un esforzo constante para conseguilo. Promocionan o individualismo, a competición entre nós, o “esforzo individual” como forma de alcanzar ese paraíso do confort que está ao alcance de todos. Se os máis non o alcanzan é exclusivamente pola súa culpa. Individualismo, medo e autoculpabilización, unha tríade mortal para os pobos.

En tempos de pandemia o poder atopou unha magnífica oportunidade para reforzar a súa exitosa estratexia. No marco dunha xestión dos gobernos máis que discutíbel, que por moito que se envolva na bandeira española é a todas luces errática, contraditoria e claramente ineficaz para frear o contaxio e as súas tráxicas consecuencias, a estratexia segue a ser o fomento do medo irracional, o individualismo, a desconfianza. Gravar a lume nas conciencias que os responsábeis últimos da desfeita somos nós, eles, como ben afirman, fan o que poden. Como cando na crise de 2008 conseguiron interiorizar nunha parte da sociedade que era a culpábel por “vivir por riba das súas posibilidades”, agora repiten táctica, salvan a súa máis que evidente responsabilidade, illan e anulan a eficacia da máis que escasa resposta social.

Non é doado que a sociedade recupere a conciencia de que non hai saída dende o individual, do imprescindíbel da solidariedade e da loita colectiva para defender os dereitos e liberdades que día a día o insaciábel capital nos está a arrebatar, menos sei se é posíbel conseguilo, mais si sei que é a única posibilidade é librar esa batalla no día a día, persistentemente. Faríamos ben en ter presente aquilo de que unha soa vara é doada de rachar, un feixe de varas non tanto. Da conciencia de ser un pobo, un colectivo, depende nada menos que poder vivir con dignidade.

Comentarios