Opinión

De guerra, mentiras e dobres varas de medir

Randolph Hearst demostrou hai xa ben anos que os medios de comunicación poden conformar  ao seu antollo o que debemos pensar ou non. Poñen na diana o inimigo a bater, establecen quen é o "bó" e o "malo", e a opinión pública acabará aceitando calquera decisión do "bó" aínda que sexa lesiva para os seus propios intereses. A información substitúese por propaganda, calquera discrepancia da doutrina oficial é esmagada. No caso da invasión da Ucraína por Rusia non é diferente, aínda que o esforzo por controlar a mente da poboación alcanza niveis paroxísticos até o extremo de censurar uns medios de comunicación rusos sen apenas influencia real.

Saben que si informaran de forma veraz a poboación tería mais capacidade de decidir por si propia o que debilitaría o apoio ás decisións dos Gobernos. Porque é evidente que estamos diante dunha guerra de invasión inxustificábel mais que foi perfectamente evitábel. Abondaba con que EEUU, que é quen manda, aceitase negociar con Rusia, apostase por cumprir os acordos de Minsk e renunciase a incorporala a OTAN e, xa que logo, a instalar bases e armamento nuclear na fronteira rusa. Son demandas inaceptábeis? E intolerábel que Rusia coarte a liberdade dun Estado a incorporarse a alianza militar? A resposta as preguntas é doada, aceitaría EEUU bases e mísiles rusos, por exemplo, en Canadá? Aceitaría EEUU que se conformase unha nova alianza militar mundial a que, seguindo os seus criterios, se adherise libremente quen quixer e actuase da mesma forma? Rotundamente non. E a chamada "crise dos mísiles" de Cuba, como demostración. Entón por que o que non tolera EEUU ten que toleralo Rusia?

Neste contexto de histeria mediática é evidente que é moi difícil defender unha saída a este conflito diferente a que ten decidida EEUU e unha UE absolutamente subordinada aos seus intereses, e aínda así, é necesario facelo. Sendo certo que é Putin quen invade Ucraína, e que esta ten dereito a defenderse, a mellor solución á situación é alimentar a guerra ou promover un acordo razoábel para as partes en conflito? Se o acordo era razoábel e posíbel antes da guerra, igualmente o é agora. En calquera caso, sempre mellor un mal acordo que unha boa guerra, que padecerán os pobos, non os dirixentes.

O Goberno español e a UE, ás ordes de Biden, optan por alimentar a guerra militar e económica. Persoas opinadoras, partidos políticos, medios e boa parte da poboación apoian esa decisión. Vale. E con todo, pouco tardará en evidenciarse que neste conflito o que menos importa é Ucraína e a súa poboación. Ucraína simplemente é o escenario sobre o que se están a dirimir outros intereses xeoestratéxicos. Os de Rusia, si, mais tamén os dos EEUU que non está disposto a renunciar ao papel de amo do universo no que fai e desfai, no que decide que guerras son lexítimas, quen pode ter armas nucleares ou que Gobernos son aceptábeis. USA que non está disposta a intervir militarmente, decide prolongar unha guerra que cre pode debilitar a unha Rusia que se atreveu a desafiar a súa hexemonía.  Só así é explicábel que quen foi quen de negociar cos talibáns para saír de Afganistán, agora se negue a calquera acordo. As vítimas serán rusas e ucraínas, as consecuencias pagarémolas o resto dos pobos do mundo.

Hai que parar esta insensata guerra. O Goberno español e a UE deberían apostar por unha solución racional, interéselle a USA ou non. E posíbel. Retirada rusa, neutralidade Ucraína, dereito á autodeterminación para o Dombás. Gañaría Ucraína, gañaría a UE apostando polas relacións de cooperación e non belixerancia, separando os seus intereses dos de EEUU, unha potencia en declive que ameaza con arrastrarnos a todos ao abismo.

Defender unha saída negociada pode considerala quen quixer como apoio a Rusia ou infantil. Pois nada, a seguir apoiando a morte e a destrución. De paso, máis gasto militar e menos gasto social, refuxiadas de primeira e segunda, USA vendendo o seu gas, censura normalizada e a nós expoliándonos cunha alza de prezos imparábel. Iso si, sempre nos quedará o consolo de culpar a Putin.

Comentarios