xoves 28.05.2020

Eleccións na democracia confinada

Feijoó quere eleccións. Desbrozado o camiño por un PNV, capaz de seguir votando a favor de manter un estado de alarma que dinamita as competencias da CAV a cambio de que o goberno Psoe-Podemos lle deixase convocar as súas, Feijoó como o ciclista oportunista que é, pedalea a rebufo e convocará en xullo.

Feijoó simplesmente quere eleccións en xullo porque está absolutamente convencido que nas actuais circunstancias sociais e políticas pode obter unha vantaxe que non tería asegurada en condicións de “normalidade”. Vulgar vantaxismo político que trata de disfrazar con informes técnicos, fabricados a medida dos seus desexos. Por certo que, un dos argumentos dos informes de Feijoo para xustificar eleccións en xullo e non mais adiante é que a chegada de turistas aumentará o número de contaxios na Galiza que é tanto como dicir que aumentará o número de galegas e galegos enfermos e mortos, e, non obstante, Feijoo dá por feita esa chegada e non está a esixir blindar Galiza, como xa fixo cando se evidenciou que Madrid expandía o virus ao noso país. Resulta imposíbel crer que sexan razóns de tipo sanitario as que moven as decisións do sr. Presidente ou que a súa prioridade sexa a saúde de galegas e galegos.

Mais con ser grave ir as urnas sen garantías sanitarias, moito mais grave é que Feijoo convoque eleccións, perfectamente consciente de que iremos votar sen as mínimas garantías democráticas. Cunha sociedade esnaquizada durante meses por unha información exclusivamente centrada na epidemia e os seus perigos, amedrentada polas consecuencias económicas das medidas adoptadas, desexando deixar atrás o confinamento, o debate sobre a súa nefasta xestión desaparece. Quen lembra xa, por exemplo, o seu intento de pechar o paritorio de Verín? Cos medios de comunicación públicos e privados ao seu servizo, Feijoo seguirá a facer unha campaña eleitoral negada a unha oposición opacada. Feijoo cociña un auténtico pucheirazo.

Ao infame papel da radio e televisión pública galega súmase o non menos infame papel da inmensa maioría dos medios de comunicación privados. Abondou o anuncio dos desexos presidenciais de convocar eleccións para que saísen en tromba e sen fisuras a defender a posición de Feijoo. Por mais que Feijoo se limitase a facer de comentarista das decisións de Madrid, completarán a faena defendendo a “brillante” xestión da Xunta na epidemia, dirán que a “proba” é que na Galiza houbo menos afectación ou non colapsou o “magnífico” sistema sanitario público e crearán un estado de opinión dirixido a convencer as galegas e os galegos da imbalitibilidade do ocupa de Montepío, tratando de desanimar e desmobilizar os sectores socias mais críticos con este desastroso estado de cousas.

Neste marco inaceptábel do punto de vista sanitario e democrático, de vantaxismo descarado do PP, as eleccións de Feijoo ben merecerían o boicot de todas as forzas políticas democráticas. Mais como tal cenario non pasa de ser un desexo e non unha posibilidade real, galegas e galegos teremos que ir votar nesta democracia confinada. Ben faríamos en facelo lembrando a realidade da xestión de Feijoo, o interminábel desmantelamento dos nosos sectores produtivos, o paro e a emigración, os recortes na sanidade ou na educación públicas, a privatización das residencias de vellas e vellos, a eucaliptización, os proxectos de megaminaría salvaxe ou o desapiadado ataque á nosa lingua e á nosa cultura. Lembrando tamén que a aposta de Psoe-Podemos pola ultracentralización e militarización da crise non fai críbel a súa aposta por Galiza, pola capacidade de autodecisión.

Son malos tempos para a democracia, nun ciclo que semella non ter fin. Máis razón para evitar caer na desesperanza, para sumar esforzos a quen aspira a construír unha Galiza máis culta, máis libre, máis xusta, a quen defende a única vía posíbel para poder facelo realidade, a soberanía política, a capacidade de real de tomar decisións para cambiar este rumbo suicida. E nada mellor que comezar frustrando os plans do vantaxista.

comentarios