Opinión

Democracia saqueada

Repiten até a saciedade os partidos do réxime e as súas terminais mediáticas que vivimos nunha democracia "plena, avanzada". Por mais que sexa evidente a perda imparable ¡ nos últimos anos de dereitos e liberdades conquistadas no pasado con moita loita e sacrificio, insisten nunha mensaxe falsa que busca a narcotización e resignación da poboación.

Neste contexto de retroceso, a pantasma reaccionaria percorre toda Europa. Abandonadas por unha socialdemocracia absolutamente entregada a causa do capital, pregada aos intereses do Imperio ianqui, indiferenciadas na práctica da dereita política, boa parte das clases populares están a buscar acubillo baixo as asas dun fascismo de novo cuño, que aínda que sexa falso, promete defender os seus dereitos. No Estado español, cunha democracia que xa naceu raquítica froito do pacto co franquismo, as cousas non pintan mellor. Coa socialdemocracia gobernando, o saqueo de dereitos e liberdades non cesa, deixando o campo libre ao avance da reacción fronte a que pouca mais barricada queda que a que representa o nacionalismo político.

Unha democracia na que o saqueo das arcas públicas faise con case que total impunidade. De cando en vez xorde algún escándalo como o dos comisionistas das máscaras madrileñas, que só é a punta do iceberg. Nada estraño nun Estado no que o maior comisionista era o propio monarca. Democracia na que se desatenden necesidades sociais, namentres se desvían fondos públicos para gasto militar, negándonos o dereito a saber canto e para que. Negándonos o dereito a decidir en que queremos investir os impostos que pagamos. Unha democracia na que o goberno, no canto de defender os intereses da poboación, permite atropelos e abusos, pequenos e grandes, da banca ás compañías de servizos, favorecendo o aumento obsceno das súas ganancias a costa do noso empobrecemento.

Unha democracia que saquea os nosos bolsos cun alza dos prezos intolerable, imposible de compensar coa suba de salarios e pensións. As guerras do capital, a especulación permitida, súmanse ás consecuencias das insensatas decisións, entre elas as sancións a Rusia, para compracer a USA, que, de rebote, acabamos pagando a escote. Saqueo que, sábeo perfectamente o goberno PSOE-Podemos, non evita o seu cacarexado "plan anticrise". Simplemente busca crear nas conciencias unha falsa sensación de alivio temporal até que nos afagamos e demos por inevitable a nova situación. Calquera sabe que é así, as infladas facturas da electricidade seguen chegando, os prezos no súper aumentando, bonificadas ou non as gasolinas ou o gasóleo de calefacción polas nubes, o mesmo que pensos ou fertilizantes. Nada de reconsiderar decisións claramente prexudiciais para as clases populares. Nada de limitar a serio os beneficios das oligarquías petroleiras ou eléctricas. Nada de reforma fiscal que faga que pague mais quen mais ten, menos aínda rematar cos paraísos fiscais nos que impunemente os máis ricos agochan a súas infames ganancias. Nada de gobernar para o pobo.

Unha democracia, que por moito que a ministra Díaz se empeñe, mantén unha lexislación laboral notablemente desfavorable para a clase traballadora fronte á patronal, onde unha lei mordaza que segue sen ser derrogada é utilizada para reprimir disidentes políticos ou sindicais, onde se espía, e non só, a dirixentes de partidos políticos legais sen que teña consecuencias, que se nega a recoñecer os dereitos das nacións e procura esmagar as súas linguas e culturas, onde na práctica se criminaliza o nacionalismo ao tempo que se normaliza a ultradereita, á que, formando parte xa do goberno de Castela e León, preparan o terreo para entrar no goberno do Estado se lle saen as contas da man do "novo" PP de Feijóo. Cunha xefatura de Estado non electa que, mais alá de cosméticas aparencias segue gozando de inmunidade total.

Fronte ao saqueo da democracia, dos dereitos e liberdades, nada que agardar dos partidos do réxime. Para frear esta deriva letal, non hai mais alternativa que a loita nas institucións e nas rúas. Antes de que sexa demasiado tarde.

Comentarios