Opinión

Catro balas. E de súpeto o fascismo

Cando escrebo algúns medios de comunicación madrileños semella que de súpeto descubriron que no Estado Español hai fascismo organizado e moito.

Destacadas creadoras e creadores de opinión rachan as vestiduras e non acertan a entender que pasou, menos aínda cal foi e é o seu papel no nacemento da serpe. O PP, que incubou o ovo baixo as súas cálidas asas, surfea disposto a seguir aliándose cos fascistas. Disposta Ayuso, como disposto estaría Feijóo de precisalo. As forzas políticas da esquerda semellan “radicalizarse” contra o perigo fascista, mais, nomeadamente o PSOE, sen analizar, menos aínda admitir, a súa responsabilidade no medre da criatura.

Mal se pode enfrontar o fascismo sen comezar por admitir que unha democracia nacida do pacto co franquismo é unha democracia lastrada ou que gobernando durante anos, optando por tolerar, calar, darlle de comer á fera para amansala, a fera non amansou, só engordou.

Anos de normalización e branqueo de franquistas reconvertidos en demócratas. De Suárez, secretario xeral do “Movimiento Nacional” a Fraga, ministro da censura con Franco, logo ministro do interior con Montejurras ou Vitorias ao seu lombo, máis tarde convertido en presidente da Galiza, nunha operación de Estado, á que o PSOE non foi alleo, fraude electoral de por medio. A gran contribución de Fraga á democracia, repetían, era acubillar en AP, despois PP, os fascistas, manter quente o ovo desa serpe que agora eclosionou.

Anos de equidistancia cómplice, onde republicanos e fascistas eran e aínda son “os dous bandos”, de cine español “reconciliador”, de ditador cualificado como “anterior xefe do Estado”, de esquecemento nas escolas, co monarca elixido por Franco convertido en “motor da democracia”, de pazos de Meirás, de policías torturadores en nómina, de simboloxía fascista normalizada en rúas ou igrexas.

O fascismo no Estado español é liberticida, racista, machista, reaccionario e sobre todo españolista. Da eclosión do ovo é responsable quen o acubillou mais tamén quen non o combateu e lle dá sustento ideolóxico. O fascismo aliméntase na crise social provocada polo capitalismo e as súas receitas antipopulares, paro, precariedade e salarios de miseria, onde a sectores da poboación lles resulta máis doado culpabilizar dos seus problemas o inmigrante que enfrontarse aos causantes da súa situación. Na corrupción política escasamente penada e corruptores impunes, no “todos son iguais” ou na exaltación españolista da selección de fútbol. 

O fascismo español nútrese da imposición do español, da destrución das linguas e culturas das nacións, de apoios a galicias bilingües, de “pacovazqueces” convertidos en modelo a seguir, de vulneración de dereitos e liberdades para afundir o adversario, dende a sindicalista que defende dereitos de traballadores e traballadoras fronte a patronal ás nacións que aspiran a súa soberanía. Medios de comunicación e partidos de esquerda e dereita, todos a unha. Riron as grazas de Guerra “cepillando” o Estatut, negaron o dereito democrático ao referendo, aplaudiron o “a por ellos” da policía e do rei, impuxeron o 155, difundiron informes falsos fabricados por esa mesma policía, inhabilitaron a Torra por expresarse libremente, impulsaron a Rosa Díaz contra o nacionalismo vasco, a “montapollos” Rivera-Arrimadas contra o catalán, aplaudiron condenas políticas contra dirixentes non gratos e un longo etcétera de arbitrariedades incompatibles con calquera normalidade democrática. E no aplauso o silencio ou a protesta coa “boca pequena” de partidos e medios de comunicación españois, na condena mediática de quen se opón activamente ao fascismo, na normalización da vulneración dos dereitos dos “outros”, na españolización social, foi medrando a hidra hoxe xa bicéfala.

Defender a democracia , os dereitos e liberdades, a soberanía das nacións, combater de raíz o fascismo, tamén no aparato do Estado, antes de que as catro balas pasen dun sobre a un fusil e sexa demasiado tarde.

Comentarios