Opinión

Afganistán e o dereito á independencia

O Imperio e os seus lacaios abandonan apresurada e caoticamente Afganistán. O resultado de vinte anos de guerra, de ocupación militar, de miles vítimas, a maioría civís é a volta ao poder dos talibán.

Unha masiva campaña mediática asoláganos. Contrapón o perigo que para a sociedade afgá, nomeadamente as mulleres, certamente supón o regreso ao poder dos talibán fronte a unha  situación de progreso, liberdade e dereitos que presuntamente garantían as forzas de ocupación. Instalar na nosa sociedade unha idea simple, talibán malos, exércitos ocupantes bos, é ao tempo branquear o fracaso dunha guerra absolutamente inxustificada e ilegal ou o enorme dispendio de fondos públicos.

O integrismo relixioso, musulmán ou católico é profundamente reaccionario, coincidente por certo e salvando as distancias en esmagar os dereitos das mulleres, e xa que logo combatible política e ideoloxicamente. Mais cando os altofalantes imperiais queren centrar a nosa atención na defensa dos dereitos dos e das afgás non o fan porque lles preocupen o mais mínimo, como non lles preocupan en Arabia Saudí ou calquera outro Estado que eles consideren aliado.

Compartir a preocupación polos dereitos dos e das afgás non debería evitar o debate de fondo. Teñen os pobos dereito á independencia? É cuestionable ese dereito en función das características do réxime político? É aceitábel a constante vulneración dese dereito polo imperialismo norteamericano mediante a guerra económica ou militar?

É necesario poñer no primeiro plano do debate político o incuestionable dereito dos pobos á soberanía. O dereito a gobernarse por si mesmos. Un principio fulcral non variábel en función de si o réxime de quenda é "aceitábel " ou non. Cada pobo atopará a vía para avanzar na conquista de dereitos e liberdades.

Transitará "os seus propios medievos". Pode ser difícil de entender para moitos e moitas e no entanto é a chave para comprender cal é a verdadeira faciana e cuestionar radicalmente o imperialismo e as súas falsas "guerras humanitarias" ou "contra o terrorismo".

Seguro que hai quen aínda coida que a ocupación militar de Afganistán por EEUU e os seus lacaios, entre eles o Estado español, foi para "combater o terrorismo", liberar as afgás ou construír un réxime democrático. Pura propaganda xustificadora do inxustificábel, como nun "arrebato de sinceridade" recoñece o propio Biden. Os demos talibán non só foron armados, financiados e cualificados como "loitadores pola liberdade" polos EEUU, senón que agora de Trump a Biden negocian con eles, e xa que logo, recoñécenos como interlocutor, a pesar de que "con terroristas non se negocia". Moito queda por aclarar, incluída a caída do réxime monifate nunha semana ou o caos do aeroporto de Kabul e a evacuación parcial dos colaboracionistas cos ocupantes.

Máis alá da propaganda, a realidade é que o imperialismo nada ten de xeneroso ou altruísta. Coa desaparición da URSS os iankis creron ver campo libre para exercer a súa hexemonía a sangue e lume. De bombardear Iugoslavia, a tentar o control estratéxico e dos recursos dunha ampla zona do mundo. Coa colaboración do sionismo e dunha UE marioneta, con diferentes escusas atacan Irak, Libia ou Siria, instauran a ditadura en Exipto, bloquean economicamente Irán, apoian a liquidación física do pobo palestino ou a guerra en Iemen co intermediario saudí. Afganistán só era parte do taboleiro. Onde meten as gadoupas deixan un rastro de sangue, destrución económica, migración, tortura, vulneración de dereitos, Guantánamo, prisións clandestinas e centos de miles de vítimas. Ese é o balance real, que nin se pode nin se debe esquecer.

Este é o debate principal. Afirmar o dereito a soberanía. Combater o imperialismo e a guerra tamén dos Estados europeos nostálxicos dos tempos coloniais.

Esixir outra política exterior da UE baseada na paz e na cooperación. Poñer fin a esperpéntica participación do Estado español nas guerras do Imperio. E, por descontado, apoiar as loitas dos pobos polos seus dereitos.

Comentarios