Opinión

Fraca memoria humana

O 24 de abril de 2012 tivo lugar un suceso que conmocionou a sociedade e provocou unha masiva resposta social de que agora somos debedoras. É certo que non se solucionou totalmente un problema complexo e con fondas raíces, un problema estrutural que leva séculos a habitar entre nós, mais que só fomos capaces de nomear recentemente, aínda que non todo o mundo saiba exactamente de que estamos a falar.

O 24 de abril de 2012 tivo lugar un suceso que conmocionou a sociedade e provocou unha masiva resposta social de que agora somos debedoras. É certo que non se solucionou totalmente un problema complexo e con fondas raíces, un problema estrutural que leva séculos a habitar entre nós, mais que só fomos capaces de nomear recentemente, aínda que non todo o mundo saiba exactamente de que estamos a falar. Con todo, déronse unha serie de pasos imprescindíbeis para iniciar un camiño a prol da xustiza e da liberdade. Foron tantas as accións que se puxeron en marcha e tan fondas as reflexións que se suscitaron que existe hoxe un moi alto grao de consciencia sobre esta cuestión. 

"Lembro aqueles rostros en que podía ler perfectamente “isto non pode acontecer nin unha soa vez máis ante a nosa pasividade”. Un, dos, tres, catro, ducias, centos, milleiros de persoas a berrar".

A maior satisfacción colectiva foi a daquela marea humana que saíu á rúa abandonando o seu posto de traballo e colapsando cidades e vilas durante máis de 8 horas. Lembro aqueles rostros en que podía ler perfectamente “isto non pode acontecer nin unha soa vez máis ante a nosa pasividade”. Un, dos, tres, catro, ducias, centos, milleiros de persoas a berrar. Por primeira vez non había pelexas entre as cifras que ofrecían os medios de comunicación que pasaron a ser, literalmente, innecesarios, porque de todas as casas faltaba alguén que exclamaba con indignación que non podía aturar máis e todo o mundo podía dar conta dun estado colectivo de rexeitamento social. 

Nesta ocasión a resposta non foi puntual e houbo moi diversas ramificacións. Por fin existiu unha actuación que ía alén do individual e penal para se mergullar nas máis variadas realidades. Hoxe non hai comercio ou lugar público en que non vexamos folletos e carteis sobre as medidas que podemos tomar se coñecemos un destes casos; non hai barrio nin aldea nin vila nin lugar onde non exista un colectivo preparado para arroupar, para responder; son moitos os murais con debuxos dos seus rostros, con frases que se lles atribúen, con dedicatorias ateigadas de optimismo e fortaleza; non hai medio de comunicación en que non se cumpran os protocolos elaborados para que o tratamento informativo non fomente máis preconceptos nin ofreza datos nesgados e superfluos, ás veces mesmo morbosos, nin se recree nas posíbeis causas desde unha perspectiva que incida en se situaren sempre estes acontecementos nas marxes e en xustificar as actuacións dos culpábeis a través de diferentes atenuantes.

"Na actualidade os contidos de todos os currículos educativos nos diferentes niveis inclúen actividades e reflexións para nos achegarmos a detectar, desde o primeiro día, os indicios de fenómenos como o que nos estamos a referir, nos seus diferentes graos".

Hoxe en día, practicamente non hai intervención pública, de carácter cultural, académica, deportiva, social ou política en que non se faga unha mención ao significado de sucesos semellantes e houbo xuntanzas de horas e horas e apoio para as asociacións e colectivos que desenvolven o seu traballo neste ámbito.
Mais, sobre todo, na actualidade os contidos de todos os currículos educativos nos diferentes niveis inclúen actividades e reflexións para nos achegarmos a detectar, desde o primeiro día, os indicios de fenómenos como o que nos estamos a referir, nos seus diferentes graos. Un elemento central para o tratamento nos currículos educativos radica na reivindicación da liberdade, no traballo sobre as pautas de conduta necesarias para convertermos en real a posibilidade de tomarmos as nosas propias decisións, de sermos seres humanos libres e autónomos.

Por iso non é estraño que hoxe mesmo, día 24 de abril de 2014, sexa cando se coñeza o lanzamento dunha aplicación informática en que poderemos ler os seus nomes, coñecer as súas diferentes biografías, saber das distintas orixes, procedencias, niveis de estudos, recoñecer a variedade de idades e de situacións, de gustos, tirarlles o papel que as etiqueta, que as envolve e estigmatiza. O obxectivo é trasladarnos o orgullo do seu legado, un legado de rebeldía, de non se conformaren coas vidas que lles querían ditar, que impuña para elas a lóxica do patriarcado. 

"Ela, como tantas outras, ten nome, ten rostro. Agora, só de nós depende poder pronuncialo e decidir debuxalo".

É así como podemos superar unha cuantificación que as reduce ao numérico (un frío número nunha estatística) para recuperarmos algúns relatos, relatos do cotián, do imprescindíbel cotián, como o da afección pola cociña e pola pintura dunha das tantas mulleres asasinadas polas súas parellas, unha, como tantas outras, que quixo protexer todas as persoas próximas durante anos até que decidiu afirmar con rotundidade que xa abondaba. Ela, como tantas outras,  deixou a súa pegada entre nós a través da súa derradeira lección de dignidade. Ela, como tantas outras, ten nome, ten rostro. Agora, só de nós depende poder pronuncialo e decidir debuxalo.

Comentarios