luns 01/03/21

Queda do imperio

O fluír dos acontecimentos no berzo do actual imperio mundial deseña un panorama que se asemella moito ao dun devalo progresivo, camiño da desintegración. A chegada á Casa Branca dun personaxe tráxico–cómico, en cuxas mans está a responsabilidade de grande parte do que pode vir a acontecer en todo o planeta, parece representar a cereixa no topo do bolo. Agora xa non é apenas o movimento do “outro mundo posíbel” ou a intelectualidade crítica do interior quen apontan nesa dirección de final dun ciclo de liderado económico e xeoestratéxico. Son as estruturas internas do sistema quen albiscan o esboroamento, alarmadas pola situación criada tras a neglixente e temeraria xestión da crise sanitaria, que está a transparentar un derrube sen precedentes da economía, e polo protesto antiracista, que leva emparellado unha verdadeira revolta social.

Xa en 2014, un estudo parcialmente financiado pola NASA alertara de que a civilización industrial global patrocinada polos USA podería entrar en colapso debido á explotación insustentábel dos recursos e á distribución cada vez máis desigual da riqueza: “[...] o excedente acumulado non é distribuído uniformemente por toda a sociedade, mais ten sido controlado por unha elite. A masa da poboación, en cuanto produz a riqueza, recebe apenas unha pequena parte dela polas elites, xeralmente para apenas os niveis de subsistencia”. En 2008, o ex-presidente do Consello Nacional de Intelixencia afirmou que a lideranza global dos EUA se deterioraría rapidamente nas áreas da política, a economía e da cultura. E o Global Trends 2030 dese organismo di que nas próximas décadas o país estará envolvido en crises internas como resultado do baixo crecimento económico. As mesmas fontes internas indican que a era da hexemonía do dólar como moeda de reserva universal está chegando ao seu fin. Esta queda sería un dos sinais máis nítidos da perda da posición económica global dos EUA, equivalente ao desaparecimento da libra esterlina como moeda global, que contribuíu para o fin do Imperio Británico no período post II Guerra Mundial.

As novas voces críticas internas translocen xa un pesimismo existencial e voltan o seu ollar para os principios fundacionais dos “pais fundadores”, aqueles que falaban dos impulsos tiránicos do home a da natureza usuraria dos bancos, e xa non se coutan en falar dun estado policial pródigo e agresivo. Unha verdadeira crise de natureza civilizacional.

comentarios