martes 20/10/20

O que unha crise tamén di

Disque perante unha crise como a que estamos a viver sai o mellor de cada un e unha de nós. E o pior tamén, acrecentaría eu. Porén, non acho que iso faga moito sentido. Non hai necesidade dunha crise para as nosas glorias e miserias se tornaren visíbeis. O día a día dá bons exemplos de todo iso. E aínda ben; na verdade, non cumpre termos que esperar algo como o que estamos pasando. É sempre ben mellor sabermos quen e o que temos en todos os momentos. A única vantaxe que pode ter agora tamén se veren é que, nuns momentos en que a sociedade inteira coloca completamente ollos e ouvidos no que está a acontecer, se veña a confirmar todo con máis clareza, e que mesmo caian certos caretos.

Poñamos por caso a clase política. En Terra Ancha, quen simulaban facerlle as beiras ao federalismo están agora medio unidos para adoptaren medidas recentralizadoras. Quen pedía á cidadanía comportamentos responsábeis quebra a sua cuarentena para saír na foto e gañar algún destaque. De por parte, a oposición emprega os seus vice-reinatos para tamén faceren oposición ao governo, cunha patética declaración diaria do parte de guerra. E claro, se os seus referentes políticos foxen como ratos do epicentro da pandemia, como non o van facer os seus fieis e apaixonados seguidores. Que mais ten, ho, levar o vírus para as colonias. Xa o fixeran os seus antepasados conquistadores cos indios, quen deberían terlles feito honras por lles teren levado a civilización.

Nada de novo nas provincias de Tagen Ata. O vice-rei, que tivera o desliz de se emburullar na bandeira dos indios, loguiño voltou ao rego colonial. Unha cousa é a feira das mentiras da campaña e outra os asuntos serios. Perante eles hai que se cadrar e render pleitesía á metrópole, que olla vixiante. Claro que con cousas serias como a saúde hai que se facer entender, empregar ‘o’ idioma e deixarse de dialectos folclóricos. E, por suposto, xogar ao engano coa data das eleccións para o seu próprio beneficio, mentres algunha oposición desorientada fai propostas estrambóticas. Tamén nela hai quen tire o mellor e o pior, consoante á súa traxectoria. Quen mostre empatía, liderado e compromiso cos e coas súas cidadás e quen opte tamén ao vice-reinato, que sempre pode ser para os aspirantes un trampolín para se embarcaren en travesías imperiais. Polos seus feitos e palabras xa os coñecíamos. Agora, coa crise do coronavirus, todo se torna aínda moito máis obvio.

comentarios