venres 26/02/21

Imposición, exclusión, reposición

" Impóñennos o galego". Esa frase pronunciada pola coidadora dunha familiar hai once anos fixo que me saltaran todas as alarmas. Que unha muller, cuxa lingua materna, familiar e "vehicular" é o galego, así se expresase, por moi cómico-tráxico que a situación parecese, era sinal prístino de que o argumentario troleiro e madrileño da FAES, amplificado pola eficiente maquinaria de propaganda do españolismo na Galiza, estaba a dar os seus froitos. Mesmo entre quen, obxectivamente, era clara mostra dun estado natural das cousas que evidenciaba o contrario das súas perversas falacias. Sabían ben a quen se dirixían, non apenas ao seu electorado máis ultra e españolista consciente, mais tamén a aquel que, cheo de auto-odio, asumía a grande mentira do seu propio idioma ser a causa dos seus males. E, de paso, asegurábanse de bombardear o único mecanismo que fixo posíbel manter a supervivencia do idioma a longo dos séculos, o da transmisión familiar e xeracional.

É ben difícil situar o debate sobre o papel e o futuro da lingua cando se presenta o mundo ao revés a través da colosal trola da imposición do galego. Mal se pode impor o que xa estaba posto, o que sempre estivo aí. É a lingua vinda de fóra a que se sobrepuxo de forma violenta sobre a propia. A que durante oitocentos anos tivo sempre do seu lado a maquinaria legal e represora para aniquilar a autóctone. A que gozou e continúa a gozar de todos os dereitos a custa de acosar e violentar a nacional. A que se empregou e emprega para excluír a quen queremos vivir na nosa lingua con normalidade, como ben nos lembra A Mesa: fronte a 99,4 por cento de xoguetes en español, 0,6 en galego; con 96 por cento de canles de TV en español, 4 en galego; de cen escolas infantís nas cidades, 92 en español, 8 en galego; por cada 95 sentenzas xudiciais na lingua imposta, 5 na propia; con 99 por cento de posibilidades de asinarmos un seguro na lingua "que está en perigo", 1 para a lingua "que se impón".

En fin, de ducias de cabeceiras de prensa diaria no "vernáculo" castellano a tan só unha no "vehicular" galego. A grande pregunta é até cando a nosa sociedade pode aturar tal violencia ideolóxica que ten por obxectivo final apagar os nosos dereitos colectivos, os únicos que nos van permitir ser cidadanía plena, coa liberdade e de os exercer. Para, substituír, con naturalidade e confianza, a falsidade da imposición coa asunción da reposición e a inclusión.

comentarios