domingo 09/05/21

Auga

Embora este sistema económico que nos asola poda estar a dar sinais de esgotamento, con consecuencias fatais para o noso planeta e para a vida de millóns de persoas, as ben intencionadas esperanzas colocadas no seu desaparecimento por morte natural parecen distantes. A outrora chamada reinvención do capitalismo non foi e é máis do que a vella estratexia de buscar novos mercados e mercadorías para continuar a saciar o seu voraz apetito da desigualdade, mesmo a base de criar máis miseria e perda de direitos humanos ou necesidades básicos, como son a saúde do planeta e de quen nel habitamos ou a alimentación.

Así como os mercados financeiros, sabedores do saque suculento escondido atrás deles, nas últimas décadas voltaran a súa atención para os sectores públicos aínda non explorados, como o da saúde, as pensións ou o ensino, axiña se apercibiron de que nos alimentos básicos, aqueles que son mesmo indispensábeis para a subsistencia, estaba o seu próximo albo. E así aconteceu, após o inicio da crise económica de 2008, coa incorporación dos cerais ao mercado de valores futuros, xeneticamente especulativos, que tamén resultou nunha grande crise alimenticia humanitaria, alén da suba exponencial que rexistrou o prezo dos alimentos desde entón.

A nova incorporación á súa perversa carteira de negocios é a auga, ou sexa o elemento básico da vida, que o mes pasado comezou a cotizar no mercado de valores de Wall Street sob o pretexto de promover unha xestión moderada e ben-sucedida dese recurso. A súa retórica xa a coñecemos: ao lle dar un valor monetario, resultará en maior aforro e eficiencia. Para quen a mercantiliza, claro está. Mesmo á custa dun direito básico e fundamental, ao que moitas persoas aínda non teñen acceso, e pondo en causa a paz e a seguranza, ás que, en palabras do secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, está intrinsicamente unidas.

A manobra lembra aquela tentativa, xa vai para dez anos, de Feixó –que, como se ve, é pioneiro das políticas desregulamentadoras e ultraliberai– de impor un canon sobre as nosas augas, as das nosas traídas comunitarias ou pozos familiares. Porque, como entón, a estratexia é a de estabelecer direitos privativos de usos exclusivos. E nesta saída a bolsa preténdese xerar un mercado para eses direitos de acceso, uso e aproveitamento da auga, que se suma á propia especulación que xa existe sobre o proprio ben. Sede voraz dos mercados para a sede real.

comentarios