domingo 09/05/21

Agora a universidade

A pesar das nefastas consecuencias para a inmensa maioría da poboación, como novamente vemos durante a pandemia, e de ser orixe directa da corrupción, a privatización de bens e servizos públicos avanza sen control. Comezou no seu momento polas eléctricas, as telecomunicacións e o ensino primario e secundario. A seguir foron a saúde, o abastecemento de auga, os servizos sociais e de coidados, as pensións... e agora tamén na Galiza, a universidade. Din que veñen complementar a oferta pública, dar máis e mellores servizos, mesmo alixeirar os orzamentos públicos. No entanto, sabemos, por experiencia, que iso é unha grande trola e que, na práctica, o que fan é destruír, empiorar, precarizar. Chuchar como vampiros os recursos e diñeiro do común en forma de subsidios, convenios e outras argucias legalizábeis. 

E non. Galiza non precisa dunha cuarta e quinta universidade que veñan desestabilizar o noso sistema público, que xa dá cumprido servizo por medio de tres institucións perfeitamente consolidadas, cunha oferta de titulacións moi variada e cada vez máis axustada ás necesidades que demanda a sociedade, en xeral ben situadas nas clasificacións estatais e internacionais polo seu labor investigador, e cunha distribución territorial equilibrada distribuída en sete campus. O que verdadeiramente nos cómpre é que se dote o sistema público de recursos orzamentarios suficientes para garantir o acceso aos estudos universitarios a toda a poboación, independentemente do seu nivel de rendas e situación económica, se reforcen e blinden as equipas de investigación, se desprecaricen os contratos, se dote dun cadro de persoal anovado e suficiente e se defronte xa o impacto das consecuencias que a crise demográfica vai supor para as nosas tres institucións públicas de ensino superior.

Que a primeira universidade privada no noso país vaia ser criada por un banco de capital foráneo a quen se lle vendeu a prezo de saldos a rede de caixas de aforros públicas, previa confiscación e privatización do noso capital colectivo, e que o seu futuro reitor sexa curmán do dono desa entidade bancaria, é xa todo un mal presaxio. E que a devandita máxima autoridade do negocio afirme que as leis públicas sexan “o auténtico freo á mudanza, á innovación e á investigación”, unha premonitoria declaración de principios. Iso si, para conseguiren os seus obxectivos ben que fan lobby para as axeitar aos seus privados intereses.

comentarios