Opinión

Quatro paredes caiadas

Inaugurouse recentemente nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña a exposición “A Casa de Galicia”, dedicada a conmemorar os 50 anos da rehabilitación e apertura da Casa de Rosalía (1971-1972). Trátase dun feito que merece desde logo a lembranza porque, entre outras cousas, resultou unha das grandes conquistas da cultura galega e unha especie de gran vitoria simbólica de todo o abano galeguista, incluído o mundo da emigración, no individual e no colectivo, en pleno franquismo. 

Esta inauguración levouse a cabo no marco da celebración dos 150 anos de Rosalía na Coruña, un feito que tamén puxo enriba da mesa diferentes temas biográficos e literarios de moito interese. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que dirixe María Xosé Bravo e que se desenvolve cun extraordinario dinamismo grazas tamén a un grupo moi activo de socios e socias, levou neste sentido, xunto co Concello da Coruña, a iniciativa e a reivindicación dunha Rosalía coruñesa. Certo. Non se pode discutir a relación intensa e de fonda pegada que mantiveron Manuel Murguía e a cidade da Torre de Breogán. Porén, a visualización dunha Rosalía coruñesa sempre foi moito menos difundida. As múltiples actividades despregadas axudaron precisamente neste sentido. Rosalía asume unha voz de poeta nacional cando na Coruña escribe e asina “Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore”, un poema grandioso cuxa estirpe, aínda que sexa byroniana, foxe do Mediterráneo clásico, dialoga co poema do irlandés Charles Wolfe (“The Burial of Sir John Moore after Corunna”, 1817) e vira cara o Atlántico, o mar talasocrático de Galicia e os Países Celtas: “o mar, o bravo mar que ruxe / cal ruxe aquel que te arrolóu na cuna”. 

Tamén A Coruña inspirou “Pra Habana”, que pon no Parrote o escenario dun poema fundacional para a literatura galega: o da épica da emigración transoceánica asociada ás Penélopes, “viúdas de vivos e mortos / que ninguén consolará”. Rosalía viviu intensamente A Coruña, onde naceu Amara, que leva o nome dun santo coruñés e tamén náutico. E a conmemoración deixou lugar tanto a algunha relevante descuberta biográfica como tamén a algunha reivindicación, ambas referidas á casa na que morou Rosalía coa súa familia, na rúa do Príncipe. A memoria da familia Murguía-Castro asociada a ese nobre espazo debe, desde logo, do xeito que for, tratar de conservarse.

A Coruña inspirou “Pra Habana”, que pon no Parrote o escenario dun poema fundacional para a literatura galega: o da épica da emigración transoceánica asociada ás Penélopes

En fin, que a inauguración da exposición non puido ter mellor escenario nin mellor ocasión. “A Casa de Galicia” é resultado dun deseño de Pepe Barro, no que se xeran catro espazos, coma catro cuartos, a partir da idea deses dous planos que se cruzan. Catro paredes coa súa porta e a súa fiestra, naturalmente. En realidade, nun tempo foron tamén “quatro paredes caiadas” as paredes da Casa de Rosalía. Unha postal dos anos vinte do pasado século así nolo confirma. Como caleada era a casa na rúa padronesa na que se criou, tal e que como aínda a recordamos. De aí probablemente que Padrón fose “fada branca ó pé dun río” no célebre poema.

Agora Pepe Barro, sobre as esas catro paredes dunha casa verdadeiramente aberta, preparada para os exteriores de sol e vento e chuvia, vai contándonos con texto e imaxes realmente suxestivas a historia da Casa da Matanza, que é ó mesmo tempo unha aventura senlleira e toda unha lección da historia contemporánea de Galicia. Entramos da man do tren da The West Galicia Railway que baixaba polo mapa de Fontán abaixo desde Cornes ó Carril e saímos no avión da Norwegian. Polo medio, e en circunstancias políticas e sociais ben adversas, como as do franquismo, o esforzo comunal e colaborativo de todo un pobo á hora de erixir e conservar un verdadeiro espazo de memoria asociado a un dos grandes emblemas do seu propio proxecto de dignidade e liberdade como é a Casa de Rosalía.

As catro paredes “caiadas” ó xeito de Pepe Barro, desde A Coruña, viaxaron xa por Pontevedra, e van facelo tamén por Compostela, Padrón e o resto de Galicia. Na súa itinerancia por todo o país levarán, por que non?, o cheiriño a alecrín, o sol da primavera e o conforto da humildade que cantaba Amália Rodrigues. E canda eles -miña casiña, meu lar!- viaxarán polas prazas e alamedas da nación todo o orgullo de Galicia, que é o mesmo que dicir toda a súa esperanza.

Comentarios