Opinión

Unha tarde de abril

Silencio e tristeza reinan en cidades e vilas de Galiza, inusitadas na súa magnitude, por causa do mal que nos aflixe. Comeza abril sen albiscar a fin desta angustia que se engade, para aguzalas, ás preocupacións que pairaban sobre o noso futuro. Aproveito para refuxiarme, en busca de esperanza, na experiencia humana de Rosalía, usando do seu poema Santa Escolástica, parafraseándoo. Nos últimos anos da súa estadía en Compostela, unha tarde de abril, á hora da sesta, ela camiñaba, baixo un orballo persistente, por rúas solitarias e prazas silenciosas, como sen rumbo. Parecía que un sopro mortal deixase sen piedade o mundo deserto. Ía, abafada pola dor, con pé inseguro, embora con espírito rebelde aboiando en procura de amor e de esperanza.

Abertas de par en par as portas de San Martiño Pinario, entrou Rosalía no maxestoso templo, conmovida polo silencio místico que se enchoupaba nunha atmosfera sensorial con aroma de incenso e cera. Non había música de órgano nin de calquera outro instrumento. Porén, ela ouvía indefinidas notas só perceptíbeis para os que tiñan o espírito conturbado. De súpeto espertáronse nos seus sentidos reminiscencias longas de tempos máis ditosos. Percorreu todos os altares das capelas, en busca de refuxio para a alma. Arelaba un raio celeste que a iluminase tirándoa das tebras. Unha tépeda e suave luz entrou no templo. De súpeto, contemplou, como visión soñada, o contorno dun anxo e dunha virxe. O doce mensaxeiro de celestial beleza co inmortal sorriso que entreabre os seus beizos, olla o rostro da virxe durmida, cuxa fronte transparenta o fogo do amor tan puro e santo como ardente e fundo. Un e a outra teñen os mesmos riscos e a mesma fermosura.

O grupo impresionou o seu espírito, deixou absorto o seu pensamento e asombrada a súa mirada. Ficou ferida en silencio, como fire a branca luz da alba os ollos cegados pola noite. O soño admirábel do artista resucitara no seu peito todo no que nela había de paixón e tenrura, de entusiasmo fervente e de gloriosos empeños. Sentiu de novo a chama que ilumina e crea os secretos anhelos e os amores sen nome. Non era un milagre da relixión. Era a milagre da fermosura artística, da creatividade humana a partir do propio mundo que vivimos, o milagre da arte. A fermosura é a manifestación do único Deus para Rosalía posíbel. O conxunto do escultor Ferreiro, que se coñece co pouco afortunado título de Santa Escolástica, incitou Rosalía vivir, no medio da desgraza, como a súa poesía nos lembra que temos que sobrepornos á tristeza e á angustia.

Convídovos a ler este poema de En las orillas del Sar. Vaiamos, se non o fixemos aínda, ou máis unha vez, cando sexa posíbel recuperar a nosa vida plena, seguindo os pasos de Rosalía unha tarde de abril, até chegar a San Martiño Pinario e contemplarmos ese grupo heterodoxo do fermoso efebo que ten o mesmo rostro con ollos abertos e pícaro sorriso que a virxe durmida en transo amoroso. Sintamos cada un, cada unha de nós, como se recupera ou reforza a nosa ansia e paixón por vivir no soño do artista e na palabra poética rosaliana que, desde a súa experiencia, lle dá nova vida e sentido.

Rosalía dixo que a nosa terra Deus a fixo, pola súa fermosura, para ser amada e amar. Podíase dicir de toda a terra. Porén, Galiza é a nosa. A súa fermosura, en todas as ordes, depende de nós.

Comentarios