Opinión

Un mes estelar

Boto a ollada ao pasado. Cíngome a este mes de xuño, procurando unha concentración de sucesos significativos. Penso no meu país, Galiza. Está moi necesitado de ollarse a si mesmo, terse como referencia. Hai un cosco de ignorancia, progresivamente endurecido desde que deixamos de decidir, como pobo, por nós mesmos. O meu pensamento imaxinativo retrotraese a unha etapa histórica cando aínda Galiza decidía en función de estratexias pensadas aquí. Sitúome a mediados do século XIV. En termos xerais vese como unha época convulsiva, de mudanzas. Boa parte das nacións europeas estaban implicadas nunha guerra de longa duración, a coñecida como dos Cen Anos. As consecuencias non foron iguais para todas. Galiza xogou entón as súas cartas de acordo coas súas necesidades e os seus intereses. No contexto peninsular foi epicentro político dunha causa que, nela, tiña un bastión rochoso e firme. Galiza contaba entón con clase dirixente e unha alternativa propia que defender, cun líder indiscutíbel, Fernando de Castro. Boa parte da nobreza, coa súa rede de vasalos, e a burguesía de vilas e cidades con grande dinamismo comercial e artesanal selaron unha alianza nacional galega. Había coincidencia na reunificación con Portugal, na potenciación do comercio, en especial o atlántico, na convivencia con xudeus e musulmáns, na entrega do goberno das vilas aos concellos, liberándoas do señorío arcebispal ou dos bispos. Era un programa revolucionario. Integrado o reino nunha monarquía plurinacional desde 1230, foi a primeira vez que un rei non propio mostrou proclividade a esta estratexia galega. En Castela e boa parte de Andalucía estourou unha guerra civil, pois as súas clases dirixentes, nobreza laica e eclesiástica, axiña decidiron ir a unha confrontación a morte, incluída a substitución do rei lexítimo, polo seu irmán bastardo, Enrique. Á altura de 1366,  era o reino de Galiza o único que os sublevados e os exércitos multinacionais (franceses, aragoneses, bretóns, gascóns… mercenarios pagos polo Papa, Francia e Aragón) ao servizo de Enrique, xa proclamado rei, non controlaban.

En xuño de 1366, Pedro I, o rei lexítimo, desde Sevilla saíu camiño de Galiza, vía Portugal. En Monterrei celebrou varios consellos coa clase dirixente galega, con Fernando Ruys de Castro á fronte, entón Conde de Lemos, Cabreira e Ribeira, Mordomo Maior, Alférez do rei e Adiantado Maior no reino de Galiza. Tomáronse importantes decisións. Xa en Santiago a comitiva real, aconteceron dous sucesos da grande significación, entre o 23 e o 29 de xuño. O día de San Xoán o rei outorgou a Fernando de Castro o título de maior avoengo e antigüidade de todos os reinos cristiáns, o que ostentaran os Trava e fora apropiado pola monarquía castelá para que o ostentase un príncipe da dinastía reinante: Conde de Trastámara. Seguramente foi unha cerimonia chea de solemnidade, que recoñecía e restauraba a lexitimidade galega do título, á vez que era unha declaración de ilexitimidade de Enrique II que o ostentaba, considerándoo un falso Trastámara. Por fin, volvía simbolizar o poder máis xenuíno e de maior avoengo do reino de Galiza. Apenas uns días máis tarde, o 29, San Pedro, o arcebispo Suero Gómez de Toledo e o seu deán, ambos toledanos, quinta columna de Enrique dentro do reino, foron eliminados, un na hoxe chamada praza do Obradoiro, o outro xa dentro da catedral, por lanzas chimpadas contra eles por dous habitantes da cidade, de condición nobre, aliados cos burgueses, Gallinato e Churruchao. Malia a excomuñón destes e a interdición sobre a cidade, a maioría da súa poboación non se deixou intimidar nin asustar, pois partillaba a hostilidade contra o arcebispo. O poder do señorío de Santiago non podía estar en mans de quen o usaba para intrigar a favor do inimigo. Era unha guerra a morte.

Comentarios