Opinión

A UE, un artefacto economicista (e II)

O nacionalismo galego mantivo unha posición crítica en relación á Comunidade Económica Europea, logo UE, polo seu carácter oligopólico, e negador da existencia das nacións sen estado. A forma de negociación para o ingreso do Estado español anunciaba xa, ademais, consecuencias desastrosas, desde o punto de vista económico e social, para Galiza. Tamén foron denunciadas e no seu momento combatidas polos nacionalistas. Porén, hoxe a sociedade galega carece dunha información contrastada e fiábel, realmente veraz, sobre o que representa esa unidade de estados, para a nosa viabilidade como pobo. Digamos que o debate político está ausente sobre esta cuestión. É máis, a maioría parece acreditar en que é unha táboa de salvación fóra da que non hai vida, e menos para nós, que seríamos incapaces, segundo a ideoloxía dominante, de nos valer por nós propios. O efecto das consecuencias da dependencia combinada do Estado español coa UE ten provocado, nos últimos trinta e cinco anos, un aplanamento mental progresivo ao respecto. Agravouse a tendencia a deixarnos levar desde fóra sen pensarmos ou acreditarmos en proxectos políticos propios. Hai sensación de a nosa ser unha desfeita sen paliativos, con alarmante retroceso demográfico, envellecemento, emigración de xente moza, desertización industrial, eliminación da agricultura…Pensamos nas causas que a provocan? Terá algo a ver coa falta dunha vontade política propia, expresada a través do exercicio da soberanía? O certo é que o noso ingreso no mercado único e no euro, formando parte de España, afondou na ficción de sermos un país subsidiado, que vive da solidariedade dese combinado benfeitor UE/España.

Porén, a natureza da UE e dos tratados entre estados que a fundamentan é antidemocrática e xeradora de desigualdade. O Banco Central Europeo, que non pode socorrer os gobernos da eurozona, inxecta billóns de euros para o sistema financeiro privado ter garantida a supervivencia, clave para soster o euro e a súa estabilidade. Os diñeiros públicos valen así para rescatar bancos e libralos dos seus activos tóxicos, produto dunha economía onde o diñeiro crea diñeiro, á marxe do sector produtivo. Non corren os banqueiros o menor risco material nin moral. En contraste, vaise agravando a fenda entre uns estados e outros. De forma paradoxal, os que teñen renda per capita máis baixa, condicións laborais e sociais máis precarias, e unha base produtiva máis fráxil cunha peor balanza comercial dentro da UE, son acusados de malgastar. Cabe dialéctica máis perversa que sometelos a recortes de gasto, aumentar a súa débeda e controlar aínda máis a súa capacidade de decisión libre?

Deberíamos saber que a media anual orzamentaria da UE son 155.000 millóns de euros. O Estado español ten un orzamento anual de case 500.000 millóns. Xa se ve que a unidade dá para pouco. Aínda enriba, desde hai cinco anos, o Estado español é contribuínte neto, isto é, entrega para o orzamento comunitario máis do que recibe. O problema galego é poder recuperar base produtiva. Nesta conxuntura evidénciase máis do que nunca que son inaceptábeis marcos supranacionais que non se fundamenten na soberanía real de todos os pobos e na articulación de bases de relación igualitaria. O Estado Español non é iso; a UE, como conglomerado de estados, tampouco. Necesitamos debate e iniciativa. Queremos quedar reducidos a malvivirmos como esmoleiros agradecidos a quen nos ignora e vai anulando como pobo?

Comentarios