Opinión

A UE, un artefacto economicista (I)

A verdade é que a información sobre a política da UE, habitualmente, resulta tan candorosa como propagandística. Pártese de que é un instrumento benfeitor, grazas ao cal somos felices e estamos a salvo de caer nos abismos da incerteza económica e mesmo na pobreza. Bótase en falta outro coñecemento máis rigoroso do que hai, e outra información máis real sobre o que nos preparan. E o que hai é unha Unión dos estados, implicitamente xerarquizados, onde o control o exerce a banca e os lobbys das empresas transnacionalizadas. O fundamento: un mercado global e unha moeda única. Valdis Dombrovskis, un dos comisarios e Vicepresidente da Comisión Europea, letón, vén de afirmar con descarnada sinceridade que “Alemaña e Holanda sacan beneficios substanciais do mercado único”. Non é a denuncia dun desequilibrio e dunha desigualdade por parte dun crítico da UE. É a defensa que fai un duro da política económica instaurada. Explica a razón pola que fixeron cesión para aumentar os orzamentos comunitarios (por certo, como non pode ser doutra maneira, a base de recursos aportados polos estados membros, pois a UE, como tal, carece de recursos propios): é unha forma de colaborar co status actual, non entrar en crise maior como derivada da grave crise económica que afecta, sobre todo, aos Estados do sur, após a pandemia. Porén, de que cesión ou solución se trata, para alén de aparecer Alemaña e Holanda, entre outros, con aportación neta no novo plano de recuperación?

Pois do aínda non aprobado Programa vindeira xeración europea, integrado no Marco financeiro plurianual 2021-2027, tamén sen aprobar, cunha dotación de 750.000 millóns de euros, que se obterán vía emisión de bonos nos mercados por parte da Comisión, en nome da UE. Dese total, 500.000 serían para transferencias e 250.000 en préstamos, a repartir entre os estados membros. Ao Estado español asignaríanselle 149.300 millóns en total, segundo a Comisión. Porén, deberá entregar previamente 67.100 millóns. O neto, pois, quedaría en 82.200 millóns de euros. A maior parte deste diñeiro, como recoñeceu tamén o comisario Dombrovskis, estará sometido ás condicións estabelecidas polo denominado Semestre europeo, instrumento marco no que se coordinan as políticas económicas dos estados membros. Estas son as súas esixencias: contas públicas saneadas, sen déficit, evitar a débeda pública e os desequilibrios macro económicos excesivos, a aplicación de “reformas estruturais” (recortes salariais e reformas laborais)… Soa, non?

Hoxe están xa cun alto nivel de endebedamento e PIB per cápita por debaixo da media, Italia, España, Portugal, Grecia e Chipre. Nesta conxuntura, a débeda, como a pobreza, está aumentando aínda máis. Máis temperá que tarde, serán obrigados a tomaren medidas drásticas de restrición de gasto público para dedicar máis recursos a pagala. Este círculo infernal agrávase, en concreto no Estado español (pensemos en especial na Galiza) pola indisposición e indefensión para aumentar a capacidade produtiva na industria ou mesmo para restaurar a agricultura, coas limitacións implícitas ou explícitas, pactadas ou non por España, derivadas do marco europeo. Merkel e Macron xa advertiron a súa entrega á causa da protección e defensa da capacidade industrial de Alemaña e Francia. O comisario Dombrovskis traduciuno no obxectivo de preservar ao máximo a capacidade produtiva da UE.

Comentarios