Opinión

Sol-pór na catedral

Ábrese de novo o templo após a súa rehabilitación. Aproveitan para desenvolver cerimonias litúrxicas mortas e discursos políticos que desprezan a nosa existencia como pobo e cavan máis fondo na nosa irrelevancia. Acompañan marcha e música militares.

Contemplamos un penoso espectáculo de españolidade estereotipada e de relixiosidade tópica. Non se pode un imaxinar nada máis lonxe do esforzo, do espírito e da intención de quen levantaron templo tan monumental no século XII. Nada a ver cos que hoxe o controlan e manipulan. Porén, é unha boa ocasión para, seguindo a palabra rosaliana, percorrer o seu interior. Seremos alumeados pola reacción emocional e intelectual dunha muller galega que sempre nos dá vida e alento.

Sentimos como moi perto reis e raíñas nosas, de nación galega, con gran sosego na paz dos mármores tranquilos dormen

Con ela entramos. Percibimos como, polos currunchos do vasto templo, vellos e vellas, mentres monean, rezan, como no século XIX, as salves e os padre nuestros. Porén tamén sentimos como moi perto reis e raíñas nosas, de nación galega, con gran sosego na paz dos mármores tranquilos dormen. Son quen impulsaron a construción da maior igrexa románica da Europa, a catedral de Santiago, símbolo do poder do reino de Galiza.

Á par coa mirada de Rosalía contemplamos o pórtico da Gloria, a exaltación da lexitimidade que fundamentaba entón o poder político galego. Á luz dun sol poñente vemos os anxos e o Pai Eterno do cristianismo, descoloridos polas feridas do tempo e das desconsideracións coloniais até a recente restauración. Baixamos lixeiramente a mirada percorrendo santos e apóstolos que parecen ter vida. Moven os seus labios e falan quedos. E de súpeto na altura do ceo a música vai dar comezo: gloriosos concertadores afinan risoños os instrumentos. Música e instrumentos de nós. Rostros verdadeiros, túnicas marabillosas, ollos de vida cheos: canta arte inspirada nunha idea de divindade e humanidade!

Deseñouna e dirixiuna o Mestre Mateo, o home dos cabelos rizos, por iso santo dos croques, humildemente axeonllado alí. Con Rosalía preguntámoslle a Mateo como sucedeu tal marabilla. Cala, non hai resposta: o silencio. E chegamos entón sen rezar a fixar a vista na arcada do inferno coas almas tristes dos condenados, onde as devoran todos os demos. Como a Rosalía, figúransenos os dun delirio mortais espectros. Calabres e diaños a ela parecen facerlle acenos. E sinte como se se decatasen de que é a mesma doutros tempos, porén agora orfa, enloitada e insensíbel como eles mesmos. Ferida, vaise, pois tivo medo.

O postreiro raio do sol cae nos vidros da grande araña, cintileando  mil cores no chan: o momento da fantasía, do soño, dos milagres e dos portentos. Endebén, a sombra, por mor da posta de Febo tras o Pedroso, trae de novo negrura e misterio.  Outra vez ouvimos os rezos de vellas e vellos nos currunchos de tan vasto templo.

Na súa condición de muller galega, que aspirou a ser libre, confesa Rosalía  perante a  Virxe da Soedade os seus secretos máis íntimos

Na súa condición de muller galega, que aspirou a ser libre, confesa Rosalía  perante a  Virxe da Soedade os seus secretos máis íntimos, os afectos para os seres queridos (a nai que a apoiara, os fillos que coidaba…) e reza polos verdugos do seu espírito. E foise pois tiña medo.

Entre outros, a unha xerarquía eclesiástica, e os poderes políticos con ela aliados, que a desprezaban e intimidaban por todo o que representaba. Os mesmos que ignoran, desprezan e manipulan o seu espírito e o do vasto templo, oasis de arte, historia, vida e esforzo galegos, para alén das pegadas de catolicismo intransixente, españolismo, castigo e persecución.

Comentarios