Opinión

Soberbia e fracaso

Omundo muda, móvese, malia non se produciren, como debera, procesos sociais revolucionarios de longo alcance con obxectivos claros. Estas mudanzas teñen consecuencias no plano económico-social e político para ben ou para mal. Nesta rexión europea do capitalismo global, identificada e mimética dos USA, os poderes políticos, e en boa maneira a conciencia social, seguen aferrados a un modelo liberal ao servizo do capital financeiro e as empresas transnacionais, onde os dereitos fican acoutados á esfera das liberdades individuais, convertidas nunha retórica de escasas esixencias para o Estado, como representante teórico do interese colectivo. Noutras zonas, o modelo capitalista vixente é rectificado ou compensado con controis ou intervención do Estado como ecos da socialdemocracia orixinaria ou do socialismo real, recorrendo á lexitimidade do pluralismo político, porén sen o recurso retórico a pór no centro do discurso as liberdades individuais. E non falta quen, mantendo un Estado sen pluralismo partidario para xustificar a súa lexitimidade, porén aumentando as formas orgánicas participativas, foi introducindo o capitalismo, incluído as empresas transnacionalizadas, sen renunciar á planificación socialista da economía e ao control dos movementos do capital financeiro. A actual crise pandémica veu a afondar na previa económica, social e política que xa se vivía en especial na rexión europea e americana do capitalismo global, facendo aboiar numerosas contradicións e descarnadas intencións e obxectivos, que o negocio agochaba ou mitigaba. A tensión entre USA/UE con Rusia e China está a medrar, e desde logo a soberbia e a petulancia nesgada caracterizan a posición dos primeiros.

Malia a desaparición do socialismo e a desmembración da URSS, a UE e USA nunca aceptaron a existencia de Rusia como un Estado ou nación europea.

Nunca mostraron unha actitude de amizade, como se fose necesaria a súa aniquilación como potencia científica, económica e non digamos militar. Na etapa de Yeltsin ríanlle as grazas como bufón ao seu servizo, que conducía o pobo nazarenos burlado, como un oso de circo domado e bébedo, mentres era entregado o país á maquinaria do espolio occidental cos novos ricos do interior ao seu servizo. Afortunadamente acabou habendo unha reacción social e política que recuperou Rusia como nación soberana, disposta a usar para ben a súa avanzada traxectoria científico-técnica e a mostrar algún interese por mellorar as condicións de vida das maiorías sociais. A reacción soberbia e nesgada da UE, neste contexto pandémico, fronte á vacina rusa, expresa a indecencia moral en que a maioría dos dirixentes dos seus Estados están enlodados. Incapaz de subministrar as doses de vacina á súa poboación, en tempo e forma, enfeudada con contratos millonarios ás farmacéuticas occidentais, sen seren capaces de controlar o destino da súa produción, consciente de algúns Estados procuraren solucións por libre, o comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, manifestou, pomposo e presuntuoso: “Os europeos no necesitamos en absoluto Sputnik V”. A mentalidade eurocéntrica é nesgada, soberbia, sectaria e, desde logo, para o negocio sen control durar, capaz de negar os fracasos en materias de urxencia humanitaria. 

Naturalmente España non se move un milímetro da posición de Bruxelas. Para ela, o mellor dos mundo imaxinábeis. Os rusos? As súas vacinas son propaganda. Como galegos e galegas úrxenos ver o mundo cos nosos propios ollos e intereses. Galiza, dentro da nave eurocéntrica, da que a españolidade é unha febra constitutiva, é tan marxinal e ignorada como sacrificada no altar do negocio e do espolio ao servizo alleo.

Comentarios