Opinión

Símbolos antitéticos

O25 de maio cúmprense 130 anos do traslado dos restos mortais de Rosalía desde o cemiterio de Adina, en Padrón, a San Domingos de Bonaval, en Santiago, igrexa entón propiedade do concello. Fíxose grazas á intención e perseveranza da Asociación Rexionalista Galega, onde militaban algúns dos vellos e dos novos admiradores da obra rosaliana e da súa conduta como muller galega consciente. Intentaron así compensar o que fora o enterro o 16 de xullo de 1885 sen a mínima condolencia oficial, case en soidade, como desterrada e excluída na propia terra. Foi, pois, un acto reivindicativo e de xustiza, que tomou a forma de homenaxe popular. Aínda entón houbo autoridades e institucións que non só foron indiferentes ou reticentes, senón que intentaron dificultar ou impedir unha cerimonia que pretendía a exaltación de Rosalía como símbolo do pobo galego. O arcebispo de Santiago, Martín de Herrera, prohibiu todo responso ou liturxia relixiosa dentro da Igrexa por considerar que Rosalía estaba situada fóra do dogma católico. Porén, foi a primeira vez que Rosalía recibiu un recoñecemento popular masivo, ao paso dos seus restos mortais polas rúas de Santiago, desde a estación de tren de Conxo a Bonaval. Curros Enríquez, co gallo deste acontecemento, escribiu  o poema,  “A Rosalía”, que foi publicado por La Patria Gallega, boletín da devandita asociación. Nel denunciaba que aquela muller, “a tola”,  druidesa e mártir pola causa do seu pobo, “comesta dos lobos/ comesta morreu”… Non cabe máis remedio que pensar en Rosalía cando se evoca a figura e a obra de Emilia Pardo Bazán con clamoroso beneplácito como muller galega, amante de Galiza. A verdade é que o contraste e a antítese, en moitos aspectos, en especial a concepción do noso país, entre a conduta e a obra dunha e da outra, non se poden nin deben ignorar. Esa dualidade expresa moitas consecuencias e secuelas. Elas mesmas foron ben conscientes diso. Queremos dicir que sabían para que futuro traballaban en relación con Galiza. 

Con efecto, Emilia Pardo Bazán, escritora española, nada en Galiza, prolífica e interesante novelista, ensaísta ás veces tan petulante como reaccionaria, profesou unha convicta fe eurocéntrica e españolista. Por iso manifestou arroallo atacando a pretensión de a lingua e a literatura galegas desenvolvérense con normalidade. Advertiu, con insistencia, que esta pretensión conduciría ao separatismo. Repudiou, á vez que considerou inútil, calquera impulso galego, que non se puxese ao servizo da unidade de España. Só tolerou, paternal, a exaltación familiar, os bailes e cantos folklóricos e a comida, como expresións dunha realidade exótica. Sentenciou que a masa aldeá só a través da españolización sairía do seu estado de salvaxismo. Interiorizou eficazmente que as minorías elitistas, clasistas, de Galiza tiñan como papel servir á idea de España e colaborar, como intermediarios aquí ou como protagonistas na corte madrileña, á integración subordinada de Galiza na nación española. Viviu convencida da incapacidade do pobo galego para se modernizar desde dentro de si. Para ela a brutalidade, a inmoralidade e a falta de capacidade estética afogaban a masa campesiña, e mesmo a fidalguía rural. A paisaxe é ás veces a única fermosura. Naturalmente, Emilia gozaba da admiración de autoridades e forzas vivas no seu país de orixe. Recibíana con alfombras de flores e tunas na Coruña. Paseábase en vida por toda Galiza con admiración universal, como galega á española triunfante na corte, arroupada por unha turba aduladora e mansa. Entretanto Rosalía vivía os seus últimos anos, con dignidade e pobreza, estranxeira na súa patria, fiel á idea de o pobo galego ter dereito á existencia. Lembren e celebren Emilia Pardo Bazán o que queiran.. Porén, non nos confundan converténdoa no que non foi por expresa e libérrima vontade. 

Comentarios