Opinión

Santiago de Compostela

Un catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Deusto, famoso polas súas posicións de españolismo extremo, Fernando García de Cortázar, visitou Santiago hai uns días para promocionar un seu libro sobre paisaxes da historia de España. Nel pretende, a través de diversos lugares simbólicos, recrear o pasado do que el considera nación española. Figura Santiago de Compostela, e, conforme ao tópico estabelecido, a idea básica consiste na importancia do Camiño, isto é, a peregrinación, como matriz da cultura europea, a un santuario de España. Malia declarar que a historia debe alumear o pasado e substituír mitos, lendas e falsidades por coñecemento verdadeiro, el segue ancorado, de forma soberbia e descarada, nunha visión que comeza por ignorar e anular a propia sociedade, a propia dinámica, en calquera dos seus aspectos, que orixinou semellante polo de atracción. A sociedade e a dinámica foron galegas. Parece como se o mito, a lenda, esta si, do sepulcro do apóstolo, fose posta en circulación e incentivada por poderes ou correntes foráneas, no canto de ser un produto endóxeno e ao servizo dunha causa política e relixiosa interna. Por certo, esta causa debeu enfrontar, de inicio, a sospeita de herexía, a reticencia e mesmo a oposición de Roma, sen que desaparecese en séculos a súa desconfianza perante unha auto-declarada segunda sede apostólica occidental, que vía como competencia. Empeñarse en que, entre os séculos VIII e XIV, existía España como unidade política, cultural, social e relixiosa, isto é, máis alá dunha definición xeográfica, iso si que é unha manipulación que debía avergoñar a quen a enuncie en nome do coñecemento verdadeiro do pasado. 

Con efecto, a causa social, política e relixiosa interna foi a estruturación dun centro de poder cristián na zona máis endóxena da Gallaecia, ou se se quixer do vello reino suevo, a menos controlada pola influencia musulmá, e cun pasado e unha tradición cultural de peso. A Igrexa de Santiago acolleu todos os actos de maior importancia simbólica do novo reino cristiá, a comezar polas coroacións dos seus reis, en principio eleitos entre membros de moi escollidas familias, entre elas relacionadas, con grande base territorial, estruturada a través de mosteiros e igrexas, de forma que o social, o económico e o relixioso formaban un conglomerado. Até entrado o século XIII durou o proceso de conformación do esplendor da cidade de Santiago, en especial cos reis García, Afonso VI (en tempos de Xelmírez, premendo sobre Roma, grazas ao poder económico e político que se tiña, logrouse o arcebispado) e Afonso VII, todos eles nados na Galiza e falantes do galego, embora o latín fose a lingua escrita, coa culminación que representaron Fernando II e Afonso VIII. Con estes dous últimos acabouse o grande templo románico, o maior da Europa, coroado coa mostra máis fermosa da arte cristiá medieval, o Pórtico da Gloria, e fíxose a súa consagración. A cidade era entón un centro económico, cultural e político de primeira magnitude. A esta altura, 1211, nunca Santiago fora invocado como protección, amparo ou cobertura para lanzar cruzadas contra os mouros na Península, senón como protector contra os inimigos do reino en xeral. A rémora na visión histórica real non está nestes dados, está en quen se empeña en descoñecer mesmo a documentación de época conservada, que fala na orientación e coa claridade que hoxe son ignoradas polas distorsións de raíz ideolóxica e política, non do nacionalismo separatista, como pretende F. G. de Cortázar, senón dos que serven ao deseño dun poder político e cultural que ten un dos seus alicerces na eliminación do reino da Galiza. O Códice Calixtino e a denominada Historia Compostelá, estes si documentos da época, evidencian, de forma clamorosa, todo o que sobre a Galiza e Santiago a historia oficial ignora á mantenta.

Comentarios