Opinión

Rosalía no escenario

Édifícil imaxinar maior deformación que a padecida pola persoa e a obra de Rosalía de Castro. Para integralas e recoñecelas dentro do acervo cultural español, o da cultura dominante, foron sometidas a unha operación que as adaptasen ao tolerado e conveniente como imaxe de Galiza e os galegos e galegas. Aprestáronse a apropiárense dela cando albiscaron que, solta e libre, seguiría a ser unha arma perigosa na man dos seus devotos, que vían nela un símbolo da razón de ser e da vontade de existir da nación galega. Naturalmente, moitos galegos á española prestáronse a colaborar na deformación necesaria favorecendo os instrumentos con que os poderes estatais contaban para integrala de forma adulterada. Estamos aínda hoxe intentando restaurar unha imaxe da persoa máis acorde coa súa personalidade de muller rebelde e heterodoxa, e liberando a carga reveladora da súa obra en relación co mundo en que vivimos e con Galiza, ollada desde a perspectiva dunha persoa que a tiña como única patria, dentro da crenza de todas teren igual dereito a unha existencia libre. Este proceso de restauración chegou tamén ao mundo do teatro galego. Entre o Agasallo de sombras (1984), de Vidal Bolaño, e Libre coma os paxaros (2021), de Xulio Lago, o contraste é ilustrativo no que respecta á Rosalía representada e á comunicación da súa propia voz. O achegamento de Xulio Lago e María Barcala desenléase de prexuízos e ignorancias inducidas. Resulta reparador comprobar, sobre un escenario, a vixencia e efectividade comunicativa da poesía rosaliana. Vemos e ouvimos unha Rosalía combativa, tamén angustiada, irada e piadosa, ao borde da derrota e sempre digna, como os seus propios textos convidan a imaxinar. María Barcala fai a proeza de enxergar a dicción dos textos rosalianos e a súa parella modulación corporal coa información que eles mesmos fornecen sobre a autora nunha, para ela, extenuante actuación dramática. O público responde con atención e silencio asombrados, como sorprendido ante unha inesperada revelación. Unha muller libre, filosoficamente heterodoxa, galega de nación, reloce sen histrionismo algún, con naturalidade.

É mágoa que un espectáculo así, tan sinxelo en aparencia como eficaz no seu obxectivo, non goce de maior eco propagandístico. O día que tiven a fortuna de contemplar a representación, o teatro distaba moito de estar cheo. A información previa ao respecto fora case clandestina. Porén, a reacción do público asistente foi entusiasta, obrigando María Barcala a saír cinco veces ao escenario. Sentín agradecemento e admiración por me posibilitar ver e escoitar nun escenario, de forma viva, o manifesto rosaliano. Na orientación e intención que algúns dos seus contemporáneos a recoñeceron. Co gallo da aparición de Follas Novas (1880), Alfredo Vicenti, xornalista triunfante na Corte madrileña, amigo de Rosalía, deunos, de forma larvada, as claves das dificultades para a obra rosaliana. Recoñece que o prólogo de Castelar foi só un escudo para facilitar a publicación e unha defensa fronte á hostilidade de quen vía unha ameaza para a unidade de España a defensa dunha nacionalidade diferente á que o Estado representaba. Indica a contradición entre as verbas preliminares da autora, intentando limitar o libro á piedade e consolación que se atribúe ás mulleres, e a contundencia filosófica e moral dos poemas que contén, auténtico desmentido da incapacidade feminina para cavilar e resolver, mesmo fóra dos dogmas imperantes. E conclúe: «Excede en grandeza de miras, en orixinalidade e en contextura a todos os produtos contemporáneos da lírica española (Bécquer, Campoamor e Núñez de Arce inclusive)». Que verdade! Libre coma os paxaros nolo evidencia no escenario. María Barcala e Xulio Lago fixérono posíbel. 

Comentarios