martes 29/09/20

Ritual sen vida

O 24 de setembro de 1904, Curros Enríquez, de viaxe por Galiza, con ansia de lograr o retorno definitivo de Cuba, parou en Compostela, entre outras cousas, para facer unha ofrenda floral perante a tumba de Rosalía de Castro en Bonaval. Alí, leu, con tanta identificación apaixonada polo que Rosalía simbolizaba como emoción dorida polo estado da sociedade galega e escepticismo sobre o seu futuro, o seu poema Na tumba de Rosalía. Fíxoo en soidade, coa sensación temerosa de ser obxecto de murmuración, como alguén estraño, cun comportamento fóra da norma. Sentía as xentes esquivas perante todo o propio, como se descoñeceran até quen as procrease. As referencias galegas, incluída a lingua, resultábanlles “lendas douradas”, cousas dun pasado sen sentido, morto e ben morto. Era unha sociedade onde a fe sobre ela mesma minguaba e a dúbida sobre o seu futuro medraba. Para Curros, todo o que Rosalía representaba estaba sepultado baixo a pedra fría da súa tumba, na espera dun Rexurrexit que a crebase.

O 5 de setembro de 2020 celebrouse o acto de toma de posesión de Feixóo como presidente da Xunta por cuarta vez. Após 116 anos da ofrenda floral que orixinou un dos mellores poemas da nosa literatura, vivimos nunha Galiza onde o estrañamento, a burla e o escarnio do propio se segue a producir. Agora prodúcese mesmo cando se chega a utilizar. Estamos habituados, en parte, a que unha cousa sexa o ritual e outra a práctica social, na forma de actuar respecto da nosa propia realidade. De feito non hai nada máis grimoso que esa actitude tan nosa de aparentar crer que hoxe todo está admitido e permitido, e relativizar a necesidade de nos ocupar de nós mesmos como pobo, de ternos como referencia. No que respecta á cerimonia da toma de posesión, non me vou deter no sarillo de tópicos do pensamento “gallego a la española” do presidente da Xunta, nin no seu amor impostado por Galiza, nin na conversión de actos institucionais en actos partidarios até o indecoro. Tampouco me deterei no tufo colonial, coa presenza abafante de quen veu de Madrid (así informou a RTVG) e a minguada e tendenciosa representación popular presente.

Voume referir ao uso do Himno galego, en dous aspectos reveladores, de suma importancia, que espero sexan obxecto da debida intervención parlamentaria, se non se fixo xa. A cantora escollida, para facelo en solitario, acompañada de gaita, non por un descoido a ela atribuíbel, senón por manipulación previa, rematou o himno, en versión íntegra, con “a redenzón da boa  (sic)/ fogar de Breogán”. A “nazón de Breogán”  así, sen máis, pasou a ser o último verso da segunda estrofa, como invocación. Desta forma, o final enfático ficou dentro dos límites da familiar, do tribal, do ancestral. A isto temos chegado após máis de corenta anos de non cantalo, cantalo só a metade ou, castrado e escarnecido, escoitalo en versión flamenca (sic)…Que resistencia a asumir o que mesmo se aproba legalmente!! Porén, aínda é máis expresivo e sintomático que, nun acto destas características, o himno nacional non sexa para cantar en pé por parte dos asistentes. Non, eles son espectadores, porque se trata dunha concesión tribal, unha curiosidade que adorna, pola que hai que pasar. Forma parte dun ritual. Endebén, non alude a nada, nin convoca a nada nin compromete a nada, no mundo da realidade, española e europea, como xa dixo o presidente. A vida é outra cousa. A nación, o pobo galego, existe nos soños poéticos. Non hai que pasarse, non vaia ser que se faga real. Hai que manter a tribo, “de mánceres cativa”, en palabras de Curros.  

comentarios