Opinión

Contra o propio interese

Creo que a guerra de Rusia coa Ucraína, sen que se albisque unha saída diplomática para a paz, está revelando unha situación internacional crítica, perigosa e chea de incerteza. Non sei se existe algunha conciencia, en concreto no Estado español, e máis particularmente na Galiza, de que, cando menos, nos están facendo vivila, coa censura nos medios e o control de internet, dunha forma non só nesgada, senón tamén alimentando actitudes, crenzas e posicións, na realidade, contrarias aos nosos intereses colectivos como pobo(s), e aos da Humanidade, como diversidade. Estamos encerrados nunha visión maniquea, sectaria e servil do empeño norteamericano por manter a súa hexemonía a escala planetaria. Dalgo debe ser síntoma que sexa o Estado español, entre os da UE, un dos que amose, dentro do servilismo case xeral, unha maior submisión aos ditados e políticas de belixerancia contra Rusia. Esta belixerancia ten orixe na Casa Branca e no Pentágono, a través do seu instrumento, a OTAN, benzoada en ritos cerimoniais de pretensa marca orixinal europea, pola inefábel UE, sempre impotente perante o reto de cumprir unha función positiva e conforme pensamento propio, a nivel global. España parece sentirse realizada sendo a voz do seu amo, con total irresponsabilidade e alegría macarena perante o futuro. Está aliñada, de forma acrítica cos que devecen por a guerra continuar, pois os fins perseguidos non son garantir a soberanía de Ucraína e a convivencia pacífica con Rusia. Toda a UE foi arrastrada, contra os seus propios intereses, a enfeudarse á estratexia dos USA, que pasa por axeonllar Rusia, para logo ir a por China, como se recoñece case sen pudor.

La Vanguardia, dentro da súa política de dar cabida, moi de cando en vez, a algunha voz disonante, no mundo occidental, de  autoridade recoñecida na cuestión, vén de entrevistar Heikki Talvitie, diplomático, embaixador finés en Moscova, entre 1988 e 1992, a fin de Gorbachov e o inicio de Yeltsin. O ex embaixador, que se recoñece como libre de peaxes para dicir a verdade, sinala que a independencia de Ucraína coas súas fronteiras actuais foi problemática desde o seu comezo, após o acordo de Yeltsin e os USA. Crimea e o Donbás foron integradas nela por un acordo político que non respectaba a realidade. Co tempo, e perante o feito de a Rusia de Putin ir recuperando vitalidade social, restaurando a súa economía e capacidade militar e política, unha Ucraína coa orientación e base da que partiu, converteuse, instrumentada por USA, coa cobertura da UE, nunha ameaza contra Rusia. Notouse, de forma descarada desde 2008 e moito máis coa explosión violenta en 2014. Rusia con razón sentiuse ameazada. Por outra parte, Heikki revela que o informe parlamentar finés para avalar a integración do seu país na OTAN só cobre temporalmente desde febreiro de 2022. Non contén nada sobre o período temporal anterior de máis de setenta anos sen que nunca houbese a menor ameaza rusa. Denuncia que unha opinión pública, sempre partidaria da neutralidade, foi arrastrada por medios de comunicación e campañas na internet a unha mudanza de opinión, co correlato dunha votación parlamentar de 188 votos a favor e 80 en contra. O presidente do país, Sauli Niinisto non se mostrou entusiasta co resultado nin expresou hostilidade a Moscova. Non podo deixar de pensar en como se está aproveitando aquí a situación para lexitimar a existencia e as actuacións da OTAN, como xendarme mundial. O tempo desvelará como se estivo tirando tiros contra os propios pés, agravando a nosa situación económica e social, colocándonos con maior indefensión e indixencia como pobos, enfeudándonos a causas que non eran no noso interese nin en beneficio da Humanidade.

Comentarios