Opinión

Prepotencia amenazante

Raül Romeva, exconseller  da Generalitat de Catalunya, hoxe en prisión, compareceu, hai uns días, na comisión de investigación do 155 no Parlament. Subliñarei, da súa declaración, algo que moitos esquecen con excesiva facilidade. Constatou que, en pouco tempo, parte importante da sociedade catalá se fixo independentista, pasando do 10% ou 12% ao 50%, e dixo: “Moitos mudamos (…) deixei de ser federalista en 2010”. Puña así a súa mutación ideolóxico-política en relación coa sentencia do Tribunal Constitucional sobre o Estatut. Seguindo todos os pasos estabelecidos pola actual legalidade, era imposíbel camiñar cara un federalismo xenuíno e lograr maior capacidade de decisión de Catalunya sobre si mesma, dentro de España. Usando do Constitucional, a aspiración democrática manifestada polo Parlament, foi violada; a cacarexada soberanía do pobo español, residente nas Cortes, burlada, e a vontade popular expresada directamente polo pobo catalán no respectivo referendo de aprobación final do Estatut, esmagada con desconsideración.

Logo os gobernos de España e os aparatos do estado evidenciaron o seu carácter autoritario, antidemocrático, arrogante. O intento de colocación de urnas para o pobo catalán expresar a súa opinión foi convertido nun acto de rebelión. O goberno que amparou ese dereito foi encarcerado, sen xuízo previo,  ou forzado ao exilio para non se ver amordazado. Sen haber sentencias firmes, privouse do desempeño da representación democrática, conseguida nas urnas, ás persoas presas. Activáronse os mecanismos para lograr a caza e captura das exiliadas nalgúns estados da UE para seren entregues a España. Topáronse co criterio de tribunais de xustiza foráneos máis sensíbeis cos dereitos democráticos fundamentais. O propio Tribunal Superior de Xustiza da UE amparou o dereito de Puigdemont e de Comín a seren designados deputados do Parlamento europeo.  

A Xustiza española atacou a liberdade de expresión no Parlament e ameazou o  presidente da Generalitat por exercela. Ameaza e castigo axítanse con descaro  para impedir, como se fose delito, falar da liberdade dos presos e presas políticas, defender o dereito de autodeterminación, ou criticar a monarquía. A arrogancia  e a prepotencia sen límites manifestouse na decisión da Junta Electoral Central, un organismo administrativo para velar pola pureza das eleccións, de retirar a condición de deputado ao presidente da Generalitat.  Sen estar condenado nin inhabilitado para desempeñar o cargo, contando coa ambigüidade calculada do Supremo, Torra non é deputado xa. Unha prepotencia xudicial que se sabe blindada masca, estira ou cuspe a súa propia lei ao lixo, como chicle.

Romeva negouse a facer autocrítica, reclamación dunha podemita desde a súa neutral impostura, no contexto dunha resposta represiva de tal calibre. O que está a suceder descubre as entrañas monstruosas dunha democracia vixiada. E nós? As institucións de autogoberno galegas manéxanse desde dentro con mentalidade de artigo 155. Agora aínda están máis ensombrecidas nas súas cativas potencialidades, caso de alguén, algún día, ousar utilizalas para expresar os intereses e a vontade do pobo galego.

Comentarios