Opinión

Os dous espíritos

Desde a súa conciencia laica, e mesmo dentro da a-confesionalidade do Estado español, Goretti Sanmartín, alcaldesa nacionalista de Santiago, expresou a súa decisión de non acudir á ofrenda rexia ao Apóstolo o 25 de xullo, unha cerimonia relixiosa, con misa incluída. O bipartidismo atacouna cunha belixerancia histriónica, nada respectuosa co pluralismo ideolóxico, político e relixioso. Mesmo o propio arcebispo foi ben máis ponderado. Mostrándose en desacordo coa decisión da alcaldesa, recoñeceu a lexitimidade da súa actitude e  a coherencia das súas razóns. É unha cuestión de índole relixiosa ou protocolaria a que provocou a agresiva e intolerante reacción bipartita? Máis ben estamos perante unha concepción política que excede, en moito, o oportunismo táctico de quen exerce de oposición. A proba témola en que reaxiron coa mesma hostilidade á proposta de, sen colidir para nada coa ofrenda real, celebrar, o día 25 de xullo, un recoñecemento a persoas ou institucións composteláns, destacadas polos seus contributos en distintos campos. Non é o día do patrón da capital política de Galiza, e Día da Patria Galega, a mellor data para facelo? Non é apropiado recorrer ao espírito e a tradición que Castelao evocou no seu discurso Alba de Gloria, o 25 de xullo de 1948 no Centro Galego de Buenos Aires? Non pode o Concello de Santiago promover un acto propio, en día tan sinalado, conforme á xenuína tradición galega?

A alcaldesa non propuxo, nin está na súa man, eliminar a ofrenda rexia ao Apóstolo. Nin sequera negou a colaboración do concello coa intendencia que é da súa competencia. Trátase dun acto estatal e eclesiásticos, deseñado e controlado por estas institucións. O concello é un convidado de pedra. Fique claro que a ofrenda rexia non tivo xestación galega nin popular. Foi unha proposta de Martín de Redín, gobernador de Galiza, e Agustín de Spínola, arcebispo de Santiago, ao rei Filipe IV en 1643 para, a través dunha impostura político-relixiosa, compensar o espolio de recursos e a masiva leva de homes no conflitivo contexto das guerras con Portugal e Catalunya, que empobreceron aínda máis o reino galego. Nin sequera Filipe IV nin ningún rei até 1877 acudiu a facela en persoa. Seguramente, o tándem bipartito devece por cerimonias inventadas por autoridades coloniais de espírito guerreiro. Deben adorar o Santiago Mata-mouros que, espada en man, liquida turcos e herexes, montado no seu cabalo branco, tal cal aparece no altar maior da catedral, expresando artisticamente o afán católico-imperial da España. Non é este o espírito da tradición galega, orixinaria, representada polo Santiago sedente no parteluz do Pórtico da Gloria. O templo-fortaleza románico-gótica, consagrado en 1211, foi a culminación do impulso de arcebispos e reis galegos, galego-falantes, por dotar o reino dunha obra que simbolizase o seu esplendor. Para eles, e os canteiros, arquitectos e artistas que a realizaron, Santiago era protector do reino, un escudo defensivo fronte aos inimigos, sen espírito algún de cruzada. No xornal Galicia (25-07-1923), Castelao, baixo o epígrafe “Dous espíritos”, mostraba dúas imaxes de Santiago en contraste. O sedente e pacífico, debuxo inspirado no do parteluz, considérao “O Noso”; o mata-mouros, inspirado no do altar maior, “O deles”. A coherente e ponderada alcaldesa de Santiago está soportando a reacción de quen non quere que nada mude, nin sequera no plano simbólico. Non é difícil saber a que Santiago serven.

Comentarios