Opinión

O xardín e a xungla

Estanos tocando vivir un momento histórico caótico, angustioso, expectante e perigoso. Tiña que chegar. Especialmente os últimos trinta anos agoiraban que, tarde ou cedo, ía producirse unha situación explosiva, derivada das traxedias que vivimos durante eles, na política internacional, sempre baixo a batuta do que denominan Occidente, hoxe un eufemismo para designar USA e os seus satélites. A indefensión foi a norma fronte á práctica destrución de estados e a disgregación de pobos, en nome da liberdade e da democracia, mesmo dos dereitos humanos, provocando sufrimentos e caos que perduran. Naturalmente, a maioría da opinión pública occidental permaneceu allea, se é que non aplaudiu, verdadeiros crimes contra a Humanidade, sabiamente controlada por quen a vacinou coa impostura de a civilización e a razón seren verdades reveladas só a Occidente. Deste xeito, mentres en USA se foi desenvolvendo unha crise de envergadura que non ten fin, aguzouse a estratexia para manter a súa posición de potencia hexemónica. O principal logro foi arrastrar tras de si unha UE que, delirante, chea de contradicións e fóra de xogo, se empeña en resucitar os peores tópicos do eurocentrismo, danando os intereses dos pobos que a conforman. Négase a analizar o que está pasando, as mudanzas que se están a producir no mundo, e cal debera ser o seu papel. Viven ególatras e compracentes enredados no seu xardín das delicias, segundo parece.

Con efecto, o Sr. Borrell, como se sabe, encargado dos asuntos exteriores da UE, reafirmou, hai uns días, os principios eurocéntricos, nada menos que no seu discurso de inauguración da nova Academia Diplomática no Colexio de Europa (Bruxas), alentando aos cachorros da diplomacia que se denomina europea a andaren polo mundo coa fachendosa soberbia de a UE ser un xardín, e case todo o resto do mundo (xa sabemos quen se salvan da queima), unha xungla. Que ponderación, que sentido da realidade, que diplomacia e que contribución á convivencia pacífica entre os pobos! Alguén poderá dicir canto racismo e colonialismo en estado puro. O máis grave é que, con esta mentalidade, claramente xerarquizada, xa se sabe  con que facilidade se está presto a crer que os demais deben someterse e obedecer. Claro que hai unha pega: a maioría do mundo xa non funciona nesta clave. As chulerías de Borrell provocan máis desprezo e hilaridade que medo na maioría da chancelarías mundiais. Polo que respecta a nós, galegos e galegas, considero que a frase sería como dicir Alemaña é un xardín e Galiza unha xungla. Porque a xerarquización que a UE leva no seu cerne vale tamén para o seu interior.

Polas mesmas datas, Antony Bilken, o seu homólogo yankee, nun acto en Silicon Valley, animaba á comunidade técnico-científica, tamén á empresarial, cun sinuoso discurso. Entendeuse á perfección por onde se vai e ao que se aspira. A guerra de Ucraína é unha inflexión. Significa que se acabou o mundo posterior á guerra fría. Hai unha intensa competencia en marcha para dar forma ao que virá despois. O control tecnolóxico e o aumento do gasto militar determinarán a resolución desa competencia. Todo isto constitúe unha fonte de forza nacional para USA. Claro, non?

Comentarios