Opinión

O noso país

Hai días percorrín, ben acompañado, un treito da conca do río Cabalar, afluente do Tambre, a chamada rota dos muíños, desde a ponte na estrada que vai para Melide até a fervenza do río Gándaras, concello de Vilasantar. O preludio foi visitar a igrexa de Mezonzo, situada nun lugar estratéxico, de cara a un val farturento que explica a presenza alí, xa desde o reino suevo, dun mosteiro, revitalizado coa configuración románico-gótica dos séculos XI e XII, a etapa de esplendor do reino de Galiza.

Fica en pé, para a nosa admiración e como memoria histórica a devandita igrexa desa época, con triplo e harmoniosa ábsida. Un venerábel morador da empobrecida e avellada casa reitoral, seguramente o crego, deixounos a chave, plenamente confiado, para admirarmos o interior do rechamante monumento. Tamén el era consciente de algo estar fallando na política turística porque eran poucas as persoas que se achegaban visitalo. Sabía da importancia de todo o pasado histórico que agochaba e de toda a súa singularidade artística.

O noso percorrido peripatético comezou após impactarnos un prado, acosado dunha banda polo asfalto da estrada e da outra por un asolado e enorme espazo circundante, como arrasado por un bombardeo. Os seus eucaliptos foran cortados e preparárase o terreo para unha nova plantación da mesma especie. As vacas que pacían no acosado espazo verde parecían animais encarcerados, intimidados por unha contorna hostil. Encamiñámonos polo Cabalar, que fluía con forza e determinación, con abundante caudal.

Axiña unha inesperada infraestrutura de cemento revelounos que boa parte do seu caudal estaba canalizado para o seu aproveitamento na xeración de enerxía eléctrica. Con efecto, grandes tubos, baixando desde a altura, facían desembocar ese caudal de auga nas turbinas dunha central situada á beira do río: a titularidade, Gas Natural-Fenosa. Cantas non haberá así nos outros ríos e os seus afluentes, non xa de competencia do Estado, senón nas concas hidrográficas que dependen da Xunta como esta? Que vixilancia e control se exerce sobre elas? E, sobre todo, por que non pertencen a unha empresa pública galega, servindo os intereses do pobo galego?

En medio daquela natureza, mato con flora propia da Galiza, de súpeto apareceu, na  aba do monte, unha enorme calva que semellaba un deserto, rompendo a harmonía do itinerario até entón. Longos sucos, de enriba a abaixo, agochaban diminutos eucaliptos en fila. Aquela terra vizosa, á beira do río, moi soleada, apta mesmo para a agricultura malia a súa inclinación, parecía destinarse a aumentar a eucaliptización do país. Evidenciounos, máis unha vez, non a limitada legalidade, senón a súa cínica falsidade.

Un novo río, non por menor, menos rebuldeiro, o Gándaras, parecía delimitar a catástrofe. Porén, o seu espazo paradisíaco sentímolo como desprotexido, como un oasis endémico, ameazado por un poderoso exército estranxeiro disposto a abafalo.

Protexémonos da nosa amargura, amparados por unha fervenza que, de maneira tan alongada como doméstica e familiar, servira para mover muíños, e observando un potente batán, aínda sen tacha. Cavilamos, sentados na altura, sobre o tan ansiado día en que tanta desconsideración e espolio teñan fin. O día en que Galiza recobre a vida que perdeu. 

Comentarios