Opinión

Nacionalismo

Na maioría das análises posteleitorais sobre o 12 de xullo, hai intención desmedida por mistificar ou reducir o significado nacionalista dos resultados da opción que o representa. Parece que o único preocupante é o sentido nacionalista do voto, indicando así que é o que lles proe. Sexa como for, hai algúns elementos indiscutíbeis. O mapa eleitoral galego, após a recuperación da presenza no Congreso e o suceso para o Parlamento galego, reforza máis o relevo do movemento nacionalista na Galiza. Faise así visíbel para fóra que temos vontade de existir como pobo diferenciado. Para dentro dáse máis alento e confianza aos sectores sociais que combaten en defensa dos nosos dereitos colectivos, nunha situación crítica en todas as ordes. Non é unha novidade. Simplemente é manifestación dun feito obxectivo, que recupera a súa forza nun eido que, como o electoral, adoita ser considerado, de forma nesgada, como único relevante e sintomático, mesmo para xulgar se un pobo existe como tal.

Porén, o grande e esperanzador resultado electoral do nacionalismo galego ten a ver cun conxunto de factores de distinta orixe. Está a pulsión dunha parte significativa da sociedade que non quere suicidarse, con maior ou menor conciencia nacional galega. Sinte desacougo, preocupación e certa angustia pola situación real de Galiza, da sociedade galega. Deplora a indignidade, a mentira e a pasividade submisa de quen nos goberna, con tantos apoios de poderes internos e externos, en prexuízo da maioría social, colocándonos nos abismos da autonegación, cun presente indigno e un futuro incerto, pendente só de onde nos queiran levar outros. Esta parte da sociedade ollou para unha alternativa que leva moitos anos de presenza e traballo na sociedade galega, nada nova. Esta opción política mantívose, contra veto e maré, rexa na súa convicción de a Galiza necesitar unha organización e unha práctica política definidas desde ela e aos servizo dos intereses do pobo galego. A conxuntura, após anos de caos, confusión e despiste, inducido e planificado, favoreceu, de novo, unha clarificación relativa dos sectores máis vivos, participativos e conscientes, que volveron ver no nacionalismo a súa opción electoral. Fixérono após comprobar a viaxe a ningures, a evidente falta de servizo e beneficio para o pobo galego de quen, en nome da unidade da esquerda española, procurou eliminar e suplantar o nacionalismo galego. Contaron coa inestimábel colaboración lexitimadora de quen, desde dentro, se xustificou coa tese de Galiza non ter capacidade dabondo por si. Como complemento, deberíamos falar da desvergoñada compracencia do PSOE estatal, do Goberno de España, con Feixóo. Deu a sensación de ser o seu candidato, como se fose a garantía dunha prioridade estatal: manter o noso país na atonía política, sen molestar para nada. Velaí a pólvora en disposición de poder estourar.

As faíscas para a pólvora estourar, no plano electoral, teñen unha orixe común. Citarei só dúas: a organización e alternativa política nacionalista que resistiu, na travesía do deserto, e unha muller que, exercendo como portavoz nacionalista no Parlamento galego e en todos os debates e intervencións públicas, demostrou capacidade política, e gañou a confianza e simpatía dun amplo sector social. O nacionalismo galego ten agora máis capacidade e responsabilidade enriba, e un gran reto: convencer a sociedade galega da necesidade e capacidade para valerse por si mesma, nunha conxuntura crítica.

Comentarios