Opinión

Sobre o nacionalismo galego

Co gallo de se celebraren os corenta anos do BNG, é boa ocasión para falar dos fundamentos do nacionalismo galego existente. Á hora de estabelecer os principios básicos que debían sustentar o proxecto nacionalista unitario, no ano 1982, após a constatación da progresiva consolidación do actual réxime de monarquía parlamentaria nun contexto inzado de dificultades e perigos, case non houbo discrepancia. Eramos galegos e galegas de nación. Pertencíamos a un pobo diferente que, en palabras de Castelao, tiña dereito a ser existente. Cumpría que expresase unha vontade política propia. A referencia básica desa unidade era Galiza. Desde esa perspectiva había que facer política. Sen auto-organización do pobo galego, cun programa político ao seu servizo, non podía expresarse esa vontade soberana, que nos garanta existir como tal pobo diferenciado. Considerouse, pois, esencial defender o dereito de autodeterminación. En certa maneira, xa o exercemos cando decidimos auto-organizarnos, expresando vontade política práctica. A súa consumación plena como acto político chegará cando poidamos decidir libremente o noso futuro. Como mínimo común denominador estratéxico fixamos un federalismo xenuíno, isto é, construído desde a plena soberanía das nacións que pactan a construción da federación. Son elas as que actúan como soberanas e ceden unha parte desa soberanía para partillaren, en común, diversas funcións, de forma pactada. Que fose opción preferente non quere dicir que se excluíse a independencia. Co tempo, e á luz da evolución no estado español, foi gañando máis adeptos dentro do nacionalismo galego, como saída autodeterminista. Abriuse paso a convicción de que mesmo a saída federal xenuína ou confederal non existirá sen unha ruptura real da dependencia. Velaí a clave: a ruptura da dependencia e da subordinación  é necesaria para podermos acabar coa función económico-social, política, cultural e lingüística  de Galiza, caracterizada como colonial. Naturalmente, o modelo económico congruente ten que ser antiimperialista, contrario aos oligopolios, favorábel á nacionalización dos sectores estratéxicos da economía, como a banca, a enerxía, as telecomunicacións e os servizos públicos fundamentais.

Realmente pertencemos a unha tradición de pensamento e praxe política que ten actividade social organizada na Galiza, en parámetros similares, desde 1916. Bebemos nesa tradición para actualizala e restaurar o nacionalismo na Galiza, desde a década dos sesenta, en pleno franquismo. Cun acervo e unha experiencia renovadas chegamos até 1982, un punto de inflexión crítico. Procuramos unha adaptación táctica nun contexto de agresiva hostilidade política sen renunciar nin aos nosos obxectivos estratéxicos nin a unha práctica social e política que dese resposta ao problemas existentes, tendo presente a conxuntura e a conciencia colectiva. Hoxe pode entenderse mellor a nosa crítica e desafección á Constitución española, xa desde 1978, ou a nosa crítica ao Estatuto de Autonomía de 1981, cuxas limitacións conxénitas se agravaron por causa de como foi usado o marco autonómico, case sempre. Os feitos viñeron demostrar cal é a esencia e a función da UE, unha unidade económica dos estados e as súas negativas secuelas para Galiza e as maiorías sociais, por non falarmos da súa subordinación aos USA e á OTAN. Estamos vivindo o delirio dun eurocentrismo desatado, co recurso ao militarismo como bandeira. Hai quen bota en falta unha dereita nacionalista. É a realidade material, a estrutura socio-económica e a dependencia de Galiza que o fai inviábel? É que, nesta etapa do capitalismo imperialista, global, a opción nacionalista, de ser real, está abocada a un determinado contido económico-social? Creo que é a combinatoria de ambas.

Comentarios