Opinión

Impostura

O actual presidente da Xunta é un caso de hipocrisía descarnada en moitos aspectos, en especial aqueles que teñen a ver coa existencia do pobo galego como nación diferente. Diríase que, nesta cuestión, desenvolve a súa natural propensión á impostura, isto é, ao embuste, ao artificio para enganar. Exhibe a este propósito unha mestura de devoción finxida, en momentos puntuais, por ideas e opinións que ignora ou despreza sen piedade, a través da súa política habitual. Faino así para pintar unha realidade falsificada, espallando unha visión que pretende anestesiar a sociedade, e a conformidade desta co engano.

Máis unha vez, agora de forma aínda máis hiperbólica, co gallo da celebración do Días das Letras Galegas dedicado a Carvalho Calero, recorreu a invocar a tradición cultural e política “galeguista”, converténdoa nunha especie de Santa Compaña precursora do “moderno galeguismo”, onde el e o seu partido estarían incluídos. En que consiste? En nada que obrigue a nada, agás a unha retórica ocasional. Non é o nacionalismo de Otero nin o de Carvalho, citados polo mandatario, nin o de ninguén que, como militante do Partido Galeguista, expresase o ideario na práctica social dese partido nacionalista. El está nas súas antípodas. Porén, pretende utilizalos como se fosen avalistas da miseria política do marco legal existente hoxe: un Parlamento que non é soberano, e unha Xunta que actúa como mero xestor, con moi limitadas competencias. Desde logo, nada que teña a ver coa capacidade de decisión propia para gobernarnos. Claro que o impostor declara que abonda e renega de reclamar a superación deste marco, por máis que logo pretexte que case ningún problema pode solucionar por non ter competencias.

Na súa alocución para o 17 de maio debuxounos, ademais, unha Arcadia feliz sen o menor pudor nin vergoña en relación coa nosa lingua, como se descoñecese os males e sufrimentos que a súa política lingüística está causando. Falou dunha Galiza de todos cunha lingua de todos. Debía estar a pensar nunha escena macabra onde por fin se tería consumado o milagre da desaparición, porque el comulga coa idea excluínte dunha soia lingua con dereitos e deberes, que, desde logo, non é o galego. Dixo apostar pola integración e a comunidade cordial. Así debe chamar á renuncia ao propio idioma, á aplicación dunha política de exclusión, valados e limitacións que o deterioran e fan retroceder socialmente con maior facilidade. Considerou que o sentimento de a lingua formar parte da idiosincrasia máis fonda está xeneralizado entre nós. Seguramente é que se trata dun sentimento tan fundo que por iso el fai todo o posíbel para que non aboie. Sentenciou que toda a sociedade considera que a lingua non é algo alleo, senón propio. Non cabe outra posibilidade que pensar en que o propio nesta materia debe entrar na categoría do prescindíbel, anecdótico ou puramente tacticista. Advertiunos que, desde o galego, dabamos a nosa perspectiva á cultura universal. Está claro: non hai máis que ver o papel da cultura galega, da nosa realidade, no ensino, na RTVG e o empeño na súa difusión social e pública. E chegou ao paroxismo cando afirmou que o galego era a contribución máis forte á nosa cohesión. Será por iso que anda tan maltratado, fraxilizado e á deriva, sen obxectivos propios e acomodado á súa desgraza, como el quere e orienta a nosa sociedade.

Comentarios