xoves 21/10/21

Memoria selectiva?

Ésintomática a tendencia a denominar como memoria democrática sen máis a recuperación dunha información real sobre a represión franquista. Como se houber reparo a concretar a sociedade e o territorio a que se refire esa memoria do pasado. Galiza é así obxecto de exclusión, cando realmente estamos a falar de represión, persecución, espolio e morte nun tempo e nunha sociedade concreta. Un fenómeno así, con esa censura, non se produce en ningunha outra parte do Estado. Expresa a propensión, tan galega, a nos incluír dentro dun conxunto, abxurando sempre da nosa especificidade. Así, após o Pazo de Meirás pasar a mans públicas, téñense producido declaracións, actitudes e propostas sintomáticas. A señora Calvo, vicepresidenta do Goberno español, xa nos aclarou que o seu destino estaba na memoria democrática do Estado (sic), sen desbotar a presenza dunha grande da cultura española, e por suposto feminista, Pardo Bazán, a súa primeira propietaria. Deixou ben patente a orientación da inevitábel e necesaria concreción.

A Xunta prefería cinguirse á exaltación da escritora, tan intelixente e culta como eximia da españolidade, obviando o espolio e a represión franquista, pois a visión do pasado debe administrarse a conveniencia, se ben finalmente mostra predisposición a un entendemento construtivo. Non cabe dúbida de ambas as administracións teren un punto de encontro sublime: unha escritora nada aquí, belixerante co desenvolvemento da cultura literaria en lingua galega, porque rompía a presenza do idioma común e o pensamento artístico nacional, defensora da España, inviolábel na súa unidade, santa nos seus dereitos. Estou a empregar expresións textuais súas, enunciadas co gallo dunha homenaxe na Coruña a Rosalía de Castro, tres meses após a súa morte, que se converteu nun mitin contra o que a nosa poeta representaba, e nunha nova ocasión de aclamación triunfal para a condesa polos seus paisanos. Alí dixo: a recuperación literaria do galego (un dialecto) portaba un xerme de separatismo; o noso verdadeiro idioma é o castelán. Era Pardo Bazán galega, culta e intelixente, unha boa novelista. Porén era hostil a toda posibilidade de Galiza se desenvolver desde dentro das súas propias capacidades e da súa cultura. Para ela, era unha sociedade destinada a ser colonizada, españolizada. A súa aspiración era triunfar na España oficial, dentro dos seus valores. Non é honesto que se pretenda dar unha imaxe nesgada, parcial e falsa de quen nunca enganou, nin na súa obra, respecto da súa posición ideolóxica, moral e política. Asumamos a memoria do real. Só así poderemos entendernos.

Agora opinan, propoñen e deciden quen nunca se preocupou da situación do Pazo de Meirás, ou mesmo fixo todo o posíbel por que nada mudase. Curiosamente óbviase, marxínase e silénciase quen estudou a cuestión, quen a moveron coas súas protestas e mobilizacións e mesmo chegaron a ser procesados por iso. É crucial que o Pazo de Meirás sexa un símbolo para a memoria democrática ou da represión franquista na Galiza. Foi o pobo galego quen o comprou. Alí debe reflectirse o noso pasado, o do alzamento militar, o franquismo e as súas secuelas. E se se contempla a dimensión cultural de quen o tivo como primeira propietaria, non convertela no que non foi; explicala con veracidade desde unha óptica que teña en conta a dinámica cultural galega da súa época. Abonda de memoria selectiva e nesgada.

comentarios