Opinión

A impostura do xestor

Non son os orzamentos da Xunta, e moito menos o sistema de financiamento da Comunidade Autónoma de Galiza, o que merece máis debate e seguimento no Parlamento galego. Como información para a sociedade galega resulta apenas existente. Parece que o coñecemento e análise das contas públicas e como se financian os servizos públicos fundamentais (sanidade, educación, protección social), motivo de tanta queixa e protesta polas súas deficiencias e mesmo deterioro progresivo, non son de ningunha utilidade para esclarecer as causas deste devalar.

Dá a impresión de que semellante abulia responde á renuncia a coñecer, con lentes propias, a forma de incardinación da Galiza no Estado, as nosas capacidades fiscais reais, e tamén á reticencia a nos responsabilizar de nós mesmos por mor do prexuízo, totalmente infundado, pero ben inducido, de Galiza vivir subsidiada por España. Este tópico abafa a Universidade Galega. É un cómodo expediente xustificativo para o españolismo de dereitas e de esquerdas, a súa famosa solidariedade, quedando só o nacionalismo para dar a batalla fundamental contra esta trola. Porén, necesítanse coñecementos que os estudos académicos oficiais non fornecen e que o pobo galego dista moito de recibir politicamente coa intensidade e frecuencia debidas. Hai que popularizar as análises que sobre o sistema de financiamento e outras cuestións afíns se teñen feito no campo nacionalista, moi en especial as de Xosé Díaz. Así veríamos con claridade a necesidade non só dunha mudanza de Goberno, senón tamén de status político para Galiza.

A oposición denunciou varias veces o medre do endebedamento da Xunta desde 2009 como se fose por si mesmo unha lacra. Non se adoita explicar cal é a causa deste endebedamento, nin por que vía se fai nin o que significa respecto do sistema de financiamento vixente. En efecto, no ano 2009, a débeda viva da Xunta era de 4.859 millóns de euros. En 2022, trece anos máis tarde, é de 12.000 millóns. Case tres veces máis. A crise económica fixo diminuír os ingresos fiscais; logo apareceron os gastos derivados da pandemia. Todo agravou as insuficiencias do sistema de financiamento vixente para as CCAA de réxime xeral, todas menos as forais, Euskadi e Nafarroa, con réxime de concerto. Gozan así de verdadeira autonomía fiscal, polo que soportaron mellor as crises aludidas. Tanto se agravou a incapacidade para financiar os servizos esenciais que o propio goberno do Estado, desde 2012, estabeleceu uns mecanismos adicionais de financiamento para as de réxime xeral.

Desde entón até hoxe, con custo nulo inicialmente e case nulo despois, os préstamos logrados polas CCAA, que fixeron uso destes mecanismos, alcanzaron a cantidade de 417.241 millóns. Pois ben, Galiza só participa do 2,29% deste monto global, 9.562 millóns. O seu presidente preferiu endebedarse con préstamos da banca entre 2012 e 2015 e entre 2021 e 2023, en condicións moito máis gravosas. Non pode estrañar a desatención maior aos servizos públicos fundamentais cun presidente xestor que, coas súas imposturas, renunciou a beneficiar o país con recursos baratos para atendelos, mentres, iso si, pagou máis á banca privada polos préstamos que dela recibiu. Sempre expresou plena conformidade co marco autonómico e o sistema de financiamento vixentes. Xestor da dependencia, como bo impostor, usou do país para aterrar algún día na Corte de España.

Comentarios