Opinión

A historia que nos engole

Agora que se fala de memoria histórica (aquí sempre sen aludir ao que debera terse por suxeito desa historia: o pobo galego), parece dar a impresión de só termos problema co sucedido en 1936. Por desgraza para Galiza, todo o seu pasado está cheo de interrogantes e baleiros, incluído o de maior esplendor e relevo internacional, o medieval, ignorado, oculto ou deformado para nós. A maioría, incluídas persoas con cultura libresca,  adoitan partillar unha visión histórica do noso pasado que, todo o máis, o presenta como apéndice subordinado ou inferior do de León e Asturias. Un escolar acredita en que non temos historia propia nen na Idade Media. Este adoutrinamento, baixo capa de coñecemento histórico, ten séculos de vixencia, e resultou moi efectivo desde que hai ensino con incidencia nas maiorías sociais, desde mediados do século XIX até hoxe. Podemos afirmar que o proceso de españolización cultural asentou, entre outras deformacións e resortes, na eliminación, ignorancia, furto ou deformación da memoria do que Galiza foi, de forma especial e grave, na Idade Media. Tan é así que, desde as ausencias, ignorancias e hostilidades da historia escolar, consecuencia da historia oficial académica, poderíamos detectar cais foron as etapas de maior esplendor do país e as estratexias que o caracterizaban.

Vexámolo a través dalgúns exemplos. O padre xesuíta Juan de Lojendio publicaba en Bilbao en 1914 a súa Historia de España destinada á formación dos seus alumnos no Colegio de Estudios Superiores de Deusto. Nela consolida as visións precedentes que xa valoraban tamén no século XIX que, “ao morrer D. Afonso (refírese ao VII) cometeu o grave erro de dividir os seus Estados entre os seus fillos, dando Castela a Sancho III o Desexado, e León a Fernando II” [orixinal en español]. Como se ve, este rei, igual que o seu fillo e sucesor, Afonso VIII [para el IX], son leoneses. Non existe o reino de Galiza. Non lles concede importancia, pois sendo imposíbel maior asimilación que a leonesa, e feita a anulación de Galiza, óptase pola desconsideración: non son funcionais para un deseño castelanista da historia de España. Porén, de se consideraren existentes, como no Compendio de Historia de España (1888) do liberal Felipe Picatoste, recoñécese que “mereceron dos historiadores grandes eloxios […] polo seu valor e ilustración, pero un e o outro cometeron o grave erro de se inimizaren con Castela” [orixinal en español]. Aparece, por fin, citada a cuestión de fundo. Xa coñecemos por que son prescindíbeis. García Sanz, autor da Nova Historia de España para los niños (1845), falando da sucesión de Afonso VII, considera Fernando II rei de Galiza: aínda a maquinaria eliminatoria estaba no seu comezo. Porén, valora que a herdanza de Galiza e León por Fernando II e a de Castela por Sancho III foi orixe de funestas consecuencias, do que se aproveitaron os árabes” [orixinal en español]. Ás veces pode tanto a concienciado elevado poder do que se agocha como a rabia pola conduta que o caracterizou. Así Anselmo Salvá, na súa Historia de España para uso de los niños en las escuelas (Burgos, 1896) informa de que estaba “sublevada Galiza polo conde de Trava e o bispo de Santiago, que negaban obediencia a Dona Urraca” [orixinal en español]. Alude á decisión de a clase dirixente galega designar Afonso, fillo da raíña, rei de Galiza, para lle advertir que non aceitaría o dominio do rei aragonés Afonso I polo seu matrimonio con ela. Outra fase molesta. Naturalmente obxecto de anulación ou desfiguración, malia contarmos coa maior e mellor crónica peninsular sobre o acontecido, coetánea dos feitos, a Historia Compostelá, pois desbarata a visión dominante sobre os séculos XI e XII na Península

Comentarios