Opinión

Historia eurocéntrica

Aconcepción eurocéntrica da historia non afecta só á visión do pasado de pobos doutros continentes, considerados inferiores ou irrelevantes, desde o punto de vista do progreso e a civilización. Afecta tamén ao interior do continente europeo canto á consideración das súas diferentes nacións. Tanto é así que reloce mesmo no deseño que converte a UE no epítome da Europa e os seus supostos valores civilizadores, e sentencia que Rusia non forma parte do continente e a súa civilización, senón da barbarie de resonancias asiáticas. Aliás, desde a nosa perspectiva, interesa ver como marca xerarquización e desigualdade entre as nacións tamén dentro.

As que non posúen Estado son algo irrelevante, sempre apéndice, mesmo en épocas en que non o foron. Galiza padece, de forma brutal, esta mirada  aniquiladora na visión do pasado, exercida en nome de España como axente do eurocentrismo de raíces cristiás-católicas.

O españolismo cultural e historiográfico foi o prisma que orientou a mirada eurocéntrica do pasado sobre Galiza. Borrado e apropiación da súa historia medieval, a do reino cristián orixinario, a favor doutra entidade máis funcional e asumíbel que fixer o papel de antecedente e serie conducente á nación española: Asturias/León/Castela. Galiza fica convertida nun apéndice astur-leonés, innomeábel. Delirante, pero certo: un lugar común da historiografía escolar e académica, tan dominante como indiscutíbel. Os nosos escolares e universitarios levan máis de século e medio inmersos nesta aniquilación da nosa historia como algo natural.

Un mínimo rigor científico obrigaría, cando menos, a asumir que o orixinario reino cristián foi de formación lenta, xurdido e desenvolvido na parte noroeste da Gallaecia romano-sueva, onde había entidade demográfica, cultural, relixiosa e continuidade da súa clase dirixente. A súa expansión foi do Cantábrico ao Douro cara ao sur e cara ao páramo leonés ao leste. Desde o centro nuclear inicial, sen ruptura co pasado, a xa Galiza histórica, protonación, comezou a considerar ese páramo terra de foris, malia estar contemplado dentro da provincia romano-sueva. A referencia territorial da diplomacia árabe ou vaticana, e a escasa documentación inicial do reino orixinario, non interpolada ou falsa, é Gallaecia, tamén falando dos seus reis.

A partir dun momento concreto (séculos X-XI) o nome ficará atribuído en exclusiva ao centro nuclear, a Galiza enteira, total, a protonación (actual norte de Portugal e Galiza). Resulta triste observar o proceso polo que símbolos da existencia dun reino poderoso (catedral-fortaleza de Santiago), asentado na lexitimidade de contar cunha sede apostólica (inventio do sepulcro de Santiago) e reis galegos que expresaron vontade artística e de existencia e continuidade política do reino (Pórtico da Gloria, Panteón Real) acaben sendo ignorados, reducido todo a un lugar de peregrinación cutre no Fisterra peninsular e europeo, desvalorizados, sen o seu sentido histórico.

Así nos queren quen instituíron que “en el Asturorum regnum naceu España e callou o talante hispánico, pero nel iniciouse, ademais, a nosa grande misión histórica e a nosa máis importante contribución á forxa de Europa e o europeo”, defendendo “a España europea fronte á España islamizada, cargada con todas as potenciais taras do oriental que nos son coñecidas” (Sánchez Albornoz).  

Comentarios