Opinión

Entre o grotesco e o infantil

Vivimos nun ambiente tóxico. Non me refiro á contaminación ambiental, senón ao infantilismo maniqueo que domina a información sobre a realidade mundial. Nunca como agora, co modelo económico e social capitalista con dominio abafante, se ten promovido en Occidente unha información tan controlada. O fin prioritario consiste en convencer as súas sociedades de os demais, especialmente os discrepantes e hostís á estratexia hexemonista dos USA, seren inferiores material, moral e politicamente, até faceren deles unha caricatura infantil e grotesca. A derivada conduce a acreditar en que son os réximes políticos occidentais, agrupados na OTAN, os únicos que gozan de lexitimidade e saúde democrática e os seus dirixentes os únicos inspirados polo servizo á verdade. O malo está en que semellante dialéctica informativa e o seu abafante predominio espalla un maniqueísmo que retrata o suposto inimigo como unha caricatura grotesca, sen razóns, sen capacidade, e condenado ao fracaso pois así o predín os oráculos da verdade diviña revelada, que inspira, nada menos, a estratexia dos USA, a UE e a OTAN. 

Fóra das súas verdades, só está o inferno, a incapacidade intrínseca e a maldade conxénita do outro. Alias, o máis grave é que se impide razoar sobre o que está a pasar, desaparecen as preguntas sobre as causas reais dos graves problemas que nos abafan, e nin hai afán por contrastar se se dá concordancia entre a propaganda e os feitos, descubrir as contradicións entre a forma de falar do noso e do deles. Entre nós, estase a producir unha extrema desafección política, ao tempo que unha adhesión ás mentiras de gran calado que esa política espalla. Aquí nos están facendo entrar nunha espiral delirante, que afecta á nosa visión da humanidade no seu conxunto, ao papel no mundo do Estado español, e moi en particular, o noso, o de Galiza.  
Causa estupor que Occidente baile ao son, incluídas as consignas e propaganda informativas, dos USA. Hai que ter unha óptica perturbada polos prexuízos ou o cinismo máis rampante para ter como guía moral e modelo unha sociedade e un Estado, comestos pola plutocracia, cun sistema electoral ao seu servizo, histerizados por un racismo irredento, en tensión violenta interna auto-destrutiva, coa combinatoria da maior pobreza e desigualdade coa maior riqueza, coa dogmática relixiosa como fundamento, deslexitimado o seu Congreso por asaltos das masas, instigados por unha parte dos poderosos, cun historial intervencionista de ocupación e destrucións masivas de outros pobos, incluído o uso caprichoso da arma nuclear, e un longo etcétera… Postos a denigrar e a intoxicar, que poderiamos avanzar sobre o seu futuro? Que poderíamos concluír sobre a España, como outros estados da UE, servil con USA e a OTAN? Vemos, entre outras lindezas, un poder xudicial que se chulea de permanecer por encima do mandato constitucional, un exército e unha garda civil que expresan os seus desacordos e mesmo a súa insubordinación, sen a menor consecuencia, unhas empresas oligárquicas que fan o que lles peta, un odio visceral contra todo o que non se acomode á súa unidade opresiva e un desequilibrio interno que se asenta no espolio, por exemplo, de Galiza pondo en perigo mesmo a nosa existencia como pobo. Os nosos males non proveñen de Rusia nin se solucionan cun final triunfal, tan virtual como irreal, da guerra da OTAN contra ela.  

Comentarios