Opinión

Cinismo exasperante

Mentres a ferida colectiva que revela o estado do noso idioma, expresa abandono, desleixo, renuncia, desprezo e represión, a Xunta, a maneira de campaña de nadal, de forma marxinal e case anónima, lanza o slogan saca o galego que levas dentro con destino a algúns espazos públicos das cidades. Faino ao mesmo tempo que o partido que a controla, colabora, desde aquí tamén, ao ataque en tromba do españolismo contra a política lingüística da Generalitat en Catalunya. Sen pudor nin vergoña pon como contraste positivo, modelo a imitar, o que denomina, unhas veces, bilingüismo cordial, e outras bilingüismo integrador, segundo parece o que se aplica na Galiza. A verdade é que estes adxectivos eufemísticos agochan unha mentalidade penosa e unha concepción do problema lingüístico que persegue manter a situación de dominio do español e o proceso de asimilación a este idioma. Por cordialidade enténdese non molestar e renunciar a exercer, no propio país, o dereito ao uso do noso idioma propio. Por integración, xustamente o contrario da identificación práctica co galego e a recuperación de falantes. Trátase de seguir favorecendo a desintegración da comunidade lingüística galega, para maior gloria dunha españolidade aniquiladora da diversidade nacional.

Os resultados do modelo á vista están: acelerada desaparición do galego como lingua orixinaria, familiar, diminución progresiva no uso xeracional, e retroceso na súa presenza espacial e ambiental. Para consumo de incautos espallouse sempre entre nós, desde as esferas da ideoloxía dominante, a idea de o galego non ter por que usarse sempre dentro do país. Non debe intentar aparecer socialmente en todas as ocasións. Non debe ousar romper a subordinación. Abonda, todo o máis, con que habite como espírito santo, inmaculado, en nós, sen se emporcallar en espurias intencións ou pretensións prácticas.

Pregúntome se é posíbel acreditar nun idioma que non conta coa vontade de uso para todo, que non se recoñece e defende como vehículo e vínculo práctico de comunicación na sociedade e como base da súa convivencia e cultura. A inane campaña da Xunta dános a resposta. Para quen non o saiba, segundo ela, o galego é unha beleza interior, unha fermosura íntima, que aniña nos destinatarios do seu slogan, que deben partillar sacándoa para fóra. Así pretenden dirixirse (máis ben, é propaganda inocua) xustamente a sectores sociais que abandonaron o uso do idioma propio, unha boa parte xa ignorante totalmente del, obrigados, inducidos ou abducidos polo dominio do español e a falta dunha política lingüística favorábel ao galego. Produce grima tanto cinismo, agochado nesta ocasión en individualismo idealista e esteticismo compensatorio (a consabida fermosura do galego!) por quen aplica no ensino, da súa competencia, un modelo onde o galego como lingua vehicular existe de forma ultra-minoritaria e só por vontade do profesor/a, se prohibe nalgunhas materias e se fai inviábel nalgunhas etapas, en particular no ensino infantil. Non é esaxerado subliñar que hoxe aquí o sistema educativo é unha maquinaria máis de desnacionalización, de españolización.

Este é o obxectivo de quen nos goberna. Por iso se apresta, desde aquí, a facer coro cos que ladrane perseguen, desde o centro imperial, contra quen conta cun sistema educativo que intenta respectar o exercicio dun dereito elemental: usar o idioma do país en todos os ámbitos e en todas as funcións, desde o criterio da súa recuperación, coñecemento e integración social, como base dun espazo de comunicación propio. Hai que practicar un cinismo exasperante, carecer de escrúpulos, para intentar vender a situación galega, un modelo de aniquilación lingüística á vista, adobiado con cantos de serea, como contraste positivo co que pasa en Catalunya.

Comentarios