Opinión

Cavilando sobre nós

Son galego de nación. É a miña única condición natural, para alén do que os papeis administrativos me impoñan. Pertenzo ao pobo galego, unha realidade material, social e cultural obxectiva. Certamente desacóugame e entristece que a súa vontade de ser resulte tantas veces cativa e acomodaticia, en termos políticos. A causa desta eiva, tan grave, está na nosa propensión, inoculada á forza en principio e agora unha estea básica da nosa enfermidade colectiva, a nos considerar españois, por enriba da nosa condición natural de galegos e galegas. É unha especie de andazo que nos obnubila e perturba.

Resulta difícil de comprender como un pobo que sofre tan graves problemas de todo tipo pola súa forma de integración, subordinada e dependente, no Estado español, pode identificarse, na maioría social, con quen o maltrata. Porén, así é. O noso sentimento de  españolidade, como unha imitación e unha impostura, debe estar orixinado por un desexo de integración mimética nunha identidade política que, ao mesmo tempo, esixe a nosa degradación e anulación. Fainos ver a realidade deformada e lévanos a conclusións disparatadas. Coidamos que así nos estamos a salvar, e non facemos máis que axudar a cavar a nosa tumba, a que nos van preparando, co sorriso do desdén. Por iso vivimos no medio da máis absoluta irracionalidade respecto de nós mesmos, das nosas necesidades e do noso futuro: pensamos que só así seguiremos atados ao que valoramos como modernidade da España, patria común e indivisíbel, sen a que apenas seríamos nada. O mundo ao revés. Efectivamente así imos camiño da nada. Grazas a ela.

Hai que acabar coa reticencia ou a indisposición  a analizar e tirar conclusións sobre como lle vai a Galiza na España

O españolismo, a españolización, produce nos galegos e galegas a interiorización de sermos un pobo que non debe expresar vontade política algunha por si mesmo. Isto é, non debe existir. Axuda a considerar  a falta de poder para enfrontar os nosos problemas, como algo natural. Outros de fóra ou de dentro ao seu servizo encargaranse de facelo por nós. Naturalmente nunca ao noso favor. Indúcese así á renuncia colectiva a responsabilizarse, reforzando a nosa  tradicional e histórica aposta por marchar mundo adiante como emigrantes.

Hai que acabar coa reticencia ou a indisposición  a analizar e tirar conclusións sobre como lle vai a Galiza na España. Aferrarse irracionalmente a unha ficción fraudulenta, para nós ruína física e moral, é seguir apostando por nos converter, a cada paso máis, nunha caricatura, e favorecer unha dinámica de destrución e anulación.

No percorrido final da miña vida aínda estou a descubrir a nosa historia,  desfigurada e ignorada. A magnitude do que nos ocultan e do que se apropiaron é inversamente proporcional á nosa auto-negación, á renuncia de nós mesmos, que tanto dano nos fai. A desmemoria do que fomos e como e por que  chegamos a ser e estar como estamos foi parella á construción desa idea de España, da que Galiza foi a principal damnificada. Urxe que deixemos de dar, como o burro, voltas á nora. Cumpre asumir que Galiza é unha nación, expresar vontade de existir como pobo, con absoluta independencia de criterio, libres dos sofismas e ficcións de España.

Comentarios