Opinión

Carraxe

Si, enfado e indignación que se mestura con coraxe, disposición a actuar e facelo co maior entusiasmo posíbel, malia as limitacións e a sensación de impotencia que, ás veces, nos asolaga. Non doutra maneira podo describir a reacción que me provoca o estado actual da Galiza, no contexto dunha conxuntura mundial caótica, preocupante. Acredito en que, en potencia, encerra tendencias que acabarán aboiando en realidades positivas para a Humanidade. Algúns intentan manter o stau quo internacional de hoxe con todo tipo de trapelas, intrigas, manobras e recursos, desde a súa visión eurocéntrica do mundo que, racionalmente, é tan insostíbel como inviábel. E nós? Coa nosa función no Estado español, coa nosa actitude respecto de nós mesmos e a nosa perspectiva verbo do futuro, intentamos orientarnos de forma positiva para os nosos intereses colectivos, no medio deste balbordo de irracionalismo e descaro abafante dos poderes que nos aferrollan como pobo? Refírome a Galiza, ao pobo galego, que parece ser que se considera politicamente inexistente por todos os poderes reais estabelecidos sobre ela, por máis que se recorra a usar o seu nome en van, de forma esporádica, como fetiche ou esconxuro, xustamente  para a política de negación e agresión continuar sen trabas. Curioso e cínico este fementido amor que consiste en matala e enterrala. A esta cerimonia fúnebre pretenden arrastrar o pobo galego, desde unha cada vez maior adaptación e conformidade co dogma da nosa inexistencia como nación natural, e menos política, pois parte menor, con función subordinada, somos da España única, á que debemos reverenciar agradecidos. A iso nos incitan quen, desde aquí, usa o país como trampolín, para chegar á máis alta fortuna individual, como galegos e galegas, na Corte, sempre ao servizo de España. A clave está en aterrar no momento oportuno, cando xustamente os necesitan. Non lles vou pór exemplos. Hainos recentes. Deixan aquí discípulos, á fronte do país ou nación inexistente, que, en vista do éxito, exasperan a galeguidade suicida, isto é, o deber dun galego é desaparecer sempre como tal, en disposición de servizo aos demais, e a si mesmos, claro. É un problema, xa histórico, e non menor. E non é só un andazo da chamada dereita española. Dáse tamén, edulcorado, na chamada esquerda, mesmo na renovada.

Recentemente tiven o ocasión de comprobar como un dos inspiradores supremos, desde unha posición galeguista (non digo nacionalista, pois, cando menos, non lle agradaría esta catalogación), da alianza dun sector do nacionalismo coa esquerda española, razoaba que eles apostaran pola unidade das clases traballadoras á nivel estatal, mentres o BNG dera prioridade á antítese ou confrontación Galiza-Estado. É tan significativa como falsa esta forma de separar os intereses de clase da situación, máis ou menos colonial, nunha nación sen Estado. Unha loita vai asociada á outra; só se optimizan e orientan correctamente se son interdependentes. Pensar nunha clase traballadora liberada nunha Galiza dependente e subordinada é un imposíbel. Pensar nunha Galiza liberada sen un poder político ao servizo das maiorías sociais, un ilusionismo. Malia non poder negar cal foi o resultado para Galiza e para eles da súa alianza española, ben á vista por certo, e do que se poden tirar conclusións moi pedagóxicas, séguese apostando por unha nova versión da mesma alternativa, con centro decisorio en Madrid. Por que? Galiza non ten capacidade, reza o lema mortuorio. Non hai ningún punto de conexión coa forma de pensar da dereita española? Galiza é en ambos casos algo instrumental politicamente ao servizo dun obxectivo que non está nela centrado nin a contempla como suxeito con vontade política propia. Porén, a estrutura de poder no Estado e o noso papel nela é determinante.

Comentarios