Opinión

A vida de Rosalía

A defensa de Rosalía e a súa obra, pola súa vixencia e modernidade, levouse a cabo, seguindo o exemplo de Carvalho Calero, por algunhas persoas rosalianistas, contra vento e marea, desde os anos 80 do século pasado. Acabou provocando dous efectos positivos: a) a revitalización de Rosalía como símbolo do país; b) o recoñecemento da heterodoxia da súa persoa e obra. Foron liberadas, en parte, do peso dunha visión oficial, de xestación colonial, que as tiña aferrolladas aos tópicos permitidos sobre Galiza. Houbo un terceiro efecto, non menor: esporear o interese por investigar sobre tantas cuestións ignoradas, censuradas, deformadas da súa vida. Nesta orientación, Sagrario Abelleira vén de informar dos seu achado, no Archivo Histórico Diocesano de Madrid, do expediente matrimonial de Murguía-Rosalía, contando coa colaboración da arquiveira Isabel Galindo. Nel figuran as declaracións e certificados que a Igrexa esixía para casar. A máis importante revelación que contén non é que a data do nacemento de Rosalía foi o 23 de febreiro, e non o 24, como se celebrou até agora. O revelador son as declaracións de Rosalía, a súa nai Teresa e Murguía. Teresa utilizou, como nai solteira, os mecanismos na súa man para poder recoñecer como propia unha filla natural, sen máis problemas: a súa fiel criada e compañeira, María Francisca Martínez, encargouse de levar a naipela ao Hospital Real de Santiago como filla de pais incógnitos, e recibir o bautismo co nome de María Rosalía Rita ao día seguinte, traéndoa de novo para casa. Nunca houbo desamparo ou abandono por parte da nai. Con seis anos a nena, Teresa en declaración notarial, xuño de 1843, recoñeceu que dera a luz o 23 de febreiro de 1837 e que Rosalía era a súa filla natural. Filiación legal entre nai e filla ficaban recoñecidas. A atmosfera social no mundo rural, mesmo nas vilas e cidades entón, malia a moral católica oficial, non favorecía a vergoña social por ser nai solteira. A mentalidade do irmán de Teresa, ela mesma ou a propia Rosalía mociña, non estaban contaminadas pola negación do amor por moi “sacrílego” que fose. Rosalía chegou a bicar a tumba do seu pai en público.

Na súa declaración xurada, afirma que se comprometera con Murguía en matrimonio xa en xullo de 1857. Polos enderezos citados nela como moradas en Madrid (4) albiscamos unha Rosalía, menor de idade conforme á legalidade de entón, errante até ser acollida na casa da tía materna, onde curiosamente tamén vive Murguía nese momento. Todo indica que fixeron vida sexual pre-marital. Levaba Murguía anos na capital intentando abrirse paso como xornalista e escritor. Por experiencia propia, comprendía canto máis difícil non sería para unha muller sen diñeiro nen relacións políticas introducirse nos círculos literarios, xornalísticos ou artísticos da Corte. Uníronse por un afecto mutuo, galvanizado por un incipiente proxecto cultural para dotar Galiza de conciencia como pobo. A condición económica de ambos era tan precaria que o expediente contén a petición de Murguía de ser eximido, por pobre, das taxas a pagar á Igrexa. Argumento: eliminaríase así o maior obstáculo para poder cumprir promesa tan sagrada, como a do matrimonio, feita a Rosalía había un ano. Astuta argumentación tendo en conta a quen ía dirixida. Logrouno. Por iso o expediente achouse si, depositado na Sección de Pobres do Fondo da Vicaría. Comezo e final das súas vidas xuntos: pobreza. Rosalía era unha muller especial, singular por moitos aspectos. Aguirre, en carta de 1857, reprende Murguía por lle ocultar as súas relacións amorosas “cunha muller que para os necios sería obxecto de burla”. Era estraña, rompedora en moitos aspectos. A burla acosouna tamén na madurez. Aínda fican moitos aspectos biográficos por revelar na súa concreción. Parabéns a Sagrario Abelleira polo empeño en indagar e revelar a verdade documentalmente. 

Comentarios