Opinión

A Patria Galega

A un sector da sociedade resúltalle incómodo referirse a Galiza como patria. Moitos galegos e galegas prefiren distanciarse de pensar nunha ligazón ou pertenza tan sentida e operativa. É como se a considerasen, par alén de vella, problemática por chocar coa concepción oficial, imperante ou dominante, que nos educa en que a nosa patria é España, a nación única a que todos e todas pertenceriamos. Efectivamente, esta concepción apunta a que a patria é o Estado español, identificado sempre coa nación española, única e indivisíbel. Galiza, todo o máis, é a terra, unha rexión española, ou a pequena patria que debe someterse e subordinarse á grande, a nación española, ela si, obxecto de patria, de ideal patriótico, de preocupación, referencia e identificación principal que todos os poderes do Estado avalan e reforzan. Nesta encrucillada conflitiva de identificacións, lealdades e referencias, como condicionantes e determinantes da conduta individual e colectiva, a procura dunha solución máxica, ilusoria, é situarse na tese de ser, sentirse e actuar como galego e español ao mesmo tempo cun equilibrio ideal. A verdade é que resulta unha maridaxe imposíbel, que só a actitude compensatoria entre o sentimental ideal e o práctico real pode manter. Nesta dimensión  móvese a maioría do pobo galego.

Gostaríame que quen me estea a ler, se decate de estarmos a falar do sentimento ou alento patriótico nunha nación sen Estado, como Galiza, polo tanto non recoñecida como tal nación, pois esta catalogación, co aparello estatal correspondente, só é reservada para unha dominante e excluínte nación única española, que anula e absorbe calquera outra. O patriotismo dese Estado e da nación única que o lexitima, está nas antípodas do que sustenta e defende o dereito á existencia normal en todas as ordes dunha nación, dun pobo, que, non por negado, deixa de ser existente e ter dereito a selo con plenitude. A esquerda española, para se distanciar do patriotismo español, que mete medo, acuñou a expresión patriotismo constitucional, vella mercadoría cun novo envoltorio, como se a Constitución española non avalase xustamente a subordinación e desigualdade, cultural, lingüística e nacional, tanto como a social e a económica, en nome da españolidade como valor supremo.

Non é difícil detectar que un dos problemas máis graves de Galiza deriva de o pobo galego non vela como a súa referencia principal e básica no terreo político. Noutras palabras, temos necesidade de a nosa condición natural de galegos e galegas se elevar á expresión dunha vontade política nacional propia, coa conciencia da responsabilidade de nós sobre nós mesmos, como pobo que decide sobre os seus asuntos, sobre si mesmo. Isto é, cun ideal ou alento patriótico que deriva da consideración de Galiza ser unha realidade obxectiva nacional que nos define e delimita na nosa conciencia, máis aló do puramente sentimental ou familiar, con aspiracións a outro status. O noso patriotismo é a aposta pola existencia como pobo diferente de Galiza, coa súa historia, a súa cultura, a súa lingua, a súa base material en desenvolvemento en beneficio colectivo, a expresión dun pobo que quer contribuír desde si mesmo con toda a autenticidade e responsabilidade ao acervo común da Humanidade. Queremos unha racionalidade non abstracta, que asuma a realidade diversa e plural do noso mundo. Convídovos a cavilar nesta afirmación de Castelao: “Hoxe por hoxe a existencia das nacións é boa e necesaria. Elas son a garantía da liberdade, que perdida estaría se o mundo non tivese máis que unha lei e un amo”.

Comentarios