Opinión

O prezo real da luz

Calquera persoa percibe o incremento dos prezos, non lle fan falta datos macroeconómicos, con botar carburante, facela compra ou tomar un café, xa é consciente do impacto na súa economía; porén, que pasa coa electricidade? pois, a diferenza doutros produtos, o recibo da luz, igual que a indemnización de Bárcenas -PP dixit-, chega en diferido, é dicir, sempre pagamos consumos pasados e, nun mercado tan volátil como o da luz, podemos non ser conscientes do seu custe real.

Por iso, non imos falar de mercado marxinalista, peaxes, tramos horarios, do gas natural, nin doutros conceptos que poden ser alleos a moita xente. Imos poñer un exemplo real, do día a día.

O 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), ás 19 horas, marcouse o prezo máis alto da historia, o PVPC (tarifa regulada), foi de 0,954 euros/kWh.

Con estes datos, se vostede ten unha estufa de 2.000 watios, funcionando só unha hora ao día (por exemplo das 19 ata as 20 horas), o seu custe foi de 1,9 euros só pola electricidade, mais se sumamos todos os conceptos da factura serían uns 2,6 euros/día  ou 78 euros ao mes.

Só por unha estufa, só por unha hora e, por suposto, sen ningún outro consumo eléctrico no domicilio, nin sequera un quentador da auga, nin frigorífico, nin cargador de móbil, nin tv... nada, absolutamente nada, só esa estufa e só unha hora ao día, 78 euros ao mes.

Poderase dicir que esaxeramos, que utilizamos o prezo da hora máis alta na historia do sector eléctrico; pois non hai problema, usaremos o prezo medio deste mes de marzo, uns 0,43 euros/kWh, polo que o resultado será, para a mesma estufa e durante só esa hora, uns 1,4 euros/día, ou uns 42 euros mensuais.

Poden sumarlle vostedes o consumo doutros electrodomésticos, pero séntense, non se asusten polo prezo final, pois vai chegar, será en diferido pero vai chegar e a culpa non vai ser do contador.

Non queda outra: débese intervir o mercado eléctrico, o Goberno -que se chama progresista-  non pode seguir co seu desleixo permitindo que a tarifa regulada, que debería protexer ás economías máis precarias, non serva absolutamente para nada e que agora, no “mercado libre”, por puro dumping do oligopolio, existan tarifas máis baixas, co obxectivo último de liquidar o sistema regulado que antes daba seguridade aos consumos domésticos, autónomos e pemes.

Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco

Comentarios