Opinión

Electricidade e enerxía

Colectivo de debate enerxético Bidán: Manolo Cabarcos, Quico da Silva e Fernando Branco 

Hai uns días, nun programa na Radio Galega sobre o Debate do Estado da Nación, un xornalista rexeitaba a proposta nacionalista dun prezo da electricidade específico e reducido para os galegos e galegas e para o seu tecido económico, pois segundo o seu argumento, somos importadores de enerxía, escusa tamén empregada por un deputado do PSOE no Parlamento galego diante da iniciativa do BNG sobre a xa coñecida tarifa eléctrica galega. Nos dous casos maniféstase, máis unha vez, o interese dalgúns en sementar e socializar a visión dependente do noso país.

É certo que a Galiza é deficitaria en enerxía, como, en maior medida, o Estado español e o conxunto da UE. Nós non temos petróleo nin gas natural, polo que, no contexto actual e namentres o transporte e outros sectores empreguen de xeito maioritario, e case que exclusivo, combustíbeis fósiles, e mentres non se descarbonice este sector, evidentemente seremos dependentes; a electrificación do transporte e doutras actividades produtivas é o reto que temos que enfrontar.

Mais o debate real é que o nacionalismo non está a reclamar un prezo diferente e reducido para os derivados do petróleo (gasolina, gasóleo...) -aínda que temos unha das oito refinerías que hai no Estado- nin do gas natural; está a demandar, con base e  argumentos, unha tarifa diferente e reducida de electricidade, sector no que somos, dende hai ducias de anos, excedentarios, mesmo agora que as centrais térmicas de carbón xa case non funcionan.

Seguimos exportando electricidade, pagámola ben pagada, mesmo máis cara que o resto do Estado 

Na Galiza, no ano 2020, a xeración de electricidade só con fontes renovábeis superou o consumo interno, aínda que ao ser intermitentes precisaron tecnoloxías de apoio, como acontece en todo o mundo.

Os datos oficiais deste ano 2021, pechados en maio, reflicten que a xeración só con renovábeis foi o 133% do consumo, é dicir, exportouse un 33% de electricidade de fontes renovábeis; de ter en conta a electricidade xerada con outras tecnoloxías contaminantes, a exportación até maio deste ano chega ao 64%. E todo isto, sen que nos beneficiemos como país.

A demanda do nacionalismo galego ten chegado a outras zonas do Estado, tamén xeradoras de electricidade, como Aragón ou Castela e León, que teñen feito propostas similares; mesmo o propio Partido Popular galego, nunha convención en 2004, defendía a necesidade de compensar a Galiza pola exportación de electricidade.

Mais agora coinciden tanto o PP, o PSOE, como o comentarista da Radio Galega na súa oposición á tarifa eléctrica galega, de Podemos e os sindicatos españois non sabemos nada, sobre este tema nunca falan claro. 

No ano 2020 exportouse un 64% da electricidade, sen que a Galiza se dea beneficiado disto como país

Que maldición divina caeu sobre a Galiza para que as hidroeléctricas do noso pais, ás que lles caducou a súa concesión, non revertan a unha empresa pública galega, que poida ofertar, dentro das súas posibilidades, enerxía en condicións vantaxosas a aquelas empresas, onde o prezo da enerxía sexa determinante para a súa competitividade, que os nosos montes sexan ocupados a perpetuidade por parques eólicos e as súas liñas de evacuación asociadas, actuando a modo de empresas de enclave, sen que se lles esixa ningún proxecto industrial asociado, e unhas compensacións xustas ás persoas propietarias das terras sobre as que actúan, e dicir, a cambio de nada?

E mentres pasa o tempo e os anos, seguimos exportando electricidade, pagámola ben pagada, mesmo máis cara que o resto do Estado como en 2013 pola aplicación dos suplementos territoriais; e, por suposto, seguimos asumindo os custes sociais e ambientais, con máis do 80% dos concellos galego con algunha central de xeración; e así, os nosos ríos e os nosos montes tampouco son nosos, son das eléctricas, durante un cento de anos no casos das concesións hidroeléctricas, ou para a eternidade nas autorizacións administrativas actuais aos eólicos, e todo sen participación nin promoción pública, e as poucas industrias que quedaban na Galiza ligadas ao sector eólico, Siemens-Gamesa e Vestas, pechan e aquí non pasou nada.

Comentarios